
Os primeiros usuarios das piscinas de Monterrei, en Albarellos, atopáronse este venres, primeiro día de apertura da instalación municipal, cunha inesperada compañía. Moitos deles, como así confirmaron a este medio, non saían do seu asombro: "Non entendemos como un Concello pode abrir unhas piscinas tendo o céspede neste estado tan calamitoso, no que, ademais de estar a herba sen segar nalgúns puntos, presenta calvas noutros e nin tan siquera tiveron a deferencia de limpar as toupeiras a carón dun dos vasos", apuntan.
Non é a única queixa que teñen os usuarios da instalación. Mesmo a formación Veciños de Monterrei vén de rexistrar un escrito nas dependencias municipais solicitando ao rexedor que amplíe o horario de apertura das mesmas a tamén pola mañá. Segundo anunciou o alcalde, José Luis Suárez, só se poderá acceder ás piscinas en horario de tarde, dende as 15:00 ás 21:00 horas, de luns a domingo.

Carme Sola, a voceira de Veciños, foi moi crítica co alcalde de Monterrei asegurando que "non entendo como non lle cae a cara de vergoña abrindo unhas instalacións con ese aspecto. El deitaríase a carón dalgunha toupa? Por que non se comprobou o estado antes de anunciar a apertura? É evidente que non lle importa a imaxe que poda dar o seu Concello. Esas piscinas pasaron de ter un aspecto calamitoso en plena pandemia, nin se realizaba o mantemento mínimo, e agora decide abrir cun céspede nesas condicións", afirmou a voceira de Veciños de Monterrei.

Pola contra, veciños doutros concellos limítrofes con Monterrei, como Verín ou Oímbra, teñen mellor sorte. Neste segundo municipio, o aspecto que presenta a instalación municipal é tan excelente, que ata supón un reclamo para moitos verinenses que deciden achegarse ata o municipio que preside Ana María Villarino Pardo.
