
A Consellería de Política Social vén de facer pública no Diario Oficial de Galicia a lista de beneficiarios das axudas para poñer en marcha Casas do Maior en Galicia.
Dúas desas receptoras son Eva García e Milagros Rodríguez, veciñas de Monterrei, a quen lles fora adxudicada a cesión do Centro Social de Albarellos -ao lado das piscinas municipais- para estes efectos e sen concurso público, sendo, segundo o equipo de goberno, as únicas solicitantes.
Ambas beneficiarias disporán agora do 50% do local de maneira gratuíta e durante tres anos, cesión susceptible de ser renovada no 2024. Deste xeito, tanto Casa do Maior Monterrei como Afouteza -que así se denominarán- recibirán unha achega de algo máis de 74.000 euros cada unha para o seu acondicionamento e gastos de funcionamento nos vindeiros tres anos (2021, 2022 e 2023), a falta de presentar uns últimos informes que require a Consellería no prazo máximo de dous meses.
A cesión da polémica
Un trámite un tanto controvertido no seu día que a oposición alcumaba como 'escuro'. A voceira de Veciños de Monterrei, Yolanda Domínguez, argumentaba naquel momento que "non se fixo público ningún concurso nin tampouco se informou á poboación. De facerse, teríanse sumado moitas máis solicitudes. A concesión é da Xunta pero vaina repartir vostede", referíndose ao alcalde de Monterrei, José Luis Suárez.
Unha idea que reforzaba o BNG a través do seu representante, Alberto Rodríguez, quen pedía transparencia. "Non me gusta enterarme das cousas sen que se nos informe primeiro", sentenciaba.