martes 28/09/21
O feito espertou o enfado da oposición

NOTICIAS VERÍN | Monterrei pecha, sen previo aviso, as piscinas de Albarellos

Anuncio do peche da piscina municipal de Albarellos, en Monterrei.
Anuncio do peche da piscina municipal de Albarellos, en Monterrei.

O Concello de Monterrei deu por rematada a tempada de verán e pechou as instalacións da piscina municipal hai catro días, un feito que espertou o enfado da oposición, non satisfeitos coas explicacións do equipo de goberno, que atinxe o peche á falta de persoal. "Veu motivado pola baixa médica dun dos socorristas e pola reacción á vacina doutro. Quedamos sen socorristas e loxicamente tivemos que pechar a tempada", conta José Luís Suárez, alcalde de Monterrei.

O grupo maioritario na bancada opositora, Veciños de Monterrei, asegurou, por medio da súa voceira, Carme Sola, que "non entende que se deixe a un concello sen servizo e non se poñan todos os medios para mantelo. Pero, xa nos teñen acostumados. O lóxico sería que se buscase a persoal substituto para manter abertas as piscinas 15 días máis, polo menos. O ano pasado non abriron, nin tan siquera as limparon. E este ano, se un dos socorristas chega a vacinarse antes, botariamos o mes de agosto sen elas?", reflexiona.

Esta decisión tamén sorprendeu ao Bloque Nacionalista Galego tal e como o mostraron nas súas redes sociais"As piscinas están pechadas sen que rematara a tempada de verán oficialmente e os usuarios tiveron que enterarse por un cartel", afirman. "O lóxico é avisar con antelación mediante un aviso ou bando do concello e, sobre todo, aclarando as razóns do peche do servizo", conclúen.

NOTICIAS VERÍN | Monterrei pecha, sen previo aviso, as piscinas de Albarellos
comentarios
Entrando na páxina solicitada Saltar publicidade