miércoles. 24.04.2024
PHOTO-2021-06-02-16-58-13
O alcalde, José Luís Suárez, preside o pleno celebrado hoxe no Concello de Monterrei. | FOTO: Iván Iglesias.

O Concello de Monterrei celebrou este mediodía un novo pleno ordinario correspondente ao mes de xuño. Entre os dez puntos da orde do día atopábase a ratificación do acordo para a cesión do local do Centro Social de Albarellos (ao lado das piscinais municipais) co obxectivo de poñer en marcha dúas Casas do Maior. O edificio construído, financiado pola Xunta de Galicia, acollerá ambas.

Segundo o alcalde, José Luís Suárez, "é unha boa maneira de fixar poboación no municipio e garantir o seu benestar, o das familias e o dos coidadores". Trátase dunha concesión totalmente gratuíta que terá unha duración de tres anos, susceptible de ser renovada. As beneficiarias do proxecto, e, segundo o equipo de Goberno, únicas solicitantes, son Eva María García e Milagros Rodríguez, veciñas de Monterrei, que disporán, cada unha, do 50% do local para estes fins.

Esta iniciativa está englobada nun programa da Consellería de Política Social da Xunta de Galicia, encargada de conceder as subvencións pertinentes para esta actividade. Polo momento, non existe resolución definitiva e ningunha das beneficiarias sabe con seguridade se estas axudas lles serán adxudicadas. 

PHOTO-2021-06-02-16-58-13 (1)O Centro Social de Albarellos, sede das futuras dúas Casas do Maior. | FOTO: Iván Iglesias.

"A idea da Casa do Maior é ideal porque non queríamos nin un Centro de Día nin un simple local social. Queríamos algo intermedio e, a conselleira, Fabiola García, considerou que encaixaba no obxecto do convenio do Consorcio Galego de Igualdade de Benestar", aclarou Suárez. Algo que recriminaron varios membros da oposición. Na súa quenda de palabra, Yolanda Domínguez, concelleira de Veciños de Monterrei, calificou de 'oscurantista' todo o procedemento de adxudicación do local: "Primeiro ía ser un Centro de Día, despois un Centro Social, agora unha Casa do Maior. Non podemos votar a favor de algo do que non sabemos absolutamente nada, nin de como se fixo a cesión nin de como se cambiou de idea", engadiu.

A esas dúas persoas que fixeron a solicitude teríanse sumado moitas máis se llo tiveran informado. A maioría da xente non o sabía igual que non o soubemos nós (Yolanda Domínguez, voceira de Veciños de Monterrei)

Segundo afirma, non se fixo público ningún concurso para a adxudicación destas licenzas nin tampouco se informou á poboación. "A esas dúas persoas que fixeron a solicitude teríanse sumado moitas máis se llo tiveran informado. A maioría da xente non o sabía igual que non o soubemos nós. Pedimos moitas veces información e non se nos deu. A subvención é da Xunta pero a cesión vaina facer vostede e consideramos que se nos tiña que ter informado", conclúe. A súa compañeira de partido, Carmen Sola, puxo como exemplo de transparencia o caso doutros concellos, como o de Coristanco (A Coruña).

Non sabemos como se fixo a cesión nin como se cambiou de idea (Yolanda Domínguez)

Compartiu esta mesma opinión o representante do BNG no municipio, Alberto Rodríguez, quen lle pediu ao alcalde máis transparencia. "Non teño nada en contra das dúas beneficiarias pero non me gusta enterarme das cousas sen que se nos informe primeiro. Aínda así, este grupo vai votar a favor da proposta polo beneficio das persoas maiores".

Non teño nada en contra das dúas beneficiarias pero non me gusta enterarme das cousas sen que se nos informe primeiro. Aínda así, este grupo vai votar a favor da proposta polo beneficio das persoas maiores (Alberto Rodríguez, do BNG)

Tras a exposición de opinións, vivíronse uns minutos de tensión entre Suárez e Domínguez. "Señora Yolanda, non me interrompa. Vou ter que aplicarlle o regulamento estrito. Non me obrigue a facer iso e respecte o meu turno de intervención", avisaba o alcalde, quen segurou que "déuselle publicidade por varias vías. Sei que a xente tivo coñecemento e moitos viñeron ao concello para que se lles aclarasen dúbidas, deixando claro que a última palabra é da Consellería en base a criterios técnicos. A transparencia do proceso foi máxima". A concelleira respondeu que "estamos pensando en recorrer este pleno por descoñecemento" e, concluíu de xeito sarcástico: "Só lle quero agradecer, e que conste en acta que, por primeira vez, nos contestase as dúbidas sen ter que esperar ao seguinte pleno".

Finalmente e trala polémica, o acordo foi aprobado pola maioría con 8 votos a favor e dous en contra. 

NOTICIAS VERÍN | Monterrei cede a dúas veciñas, de maneira gratuíta e controvertida, o...