Venres. 29.03.2024
O conselleiro de Medio Rural explica en Cualedro a execución dos traballos de limpeza e o seu custo. | VÍDEO: Xosé Lois Colmenero

O conselleiro do Medio Rural, José González, e o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisaron esta mañá as execucións da xestión da biomasa que se están levando a cabo en Cualedro e Monterrei. Uns traballos nos que a Xunta investirá preto de 260.000 euros para deixar limpas de maleza e de arborado prohibido pola Lei de Incendios -piñeiro, eucalipto e acacia- case 100 hectáreas situadas en franxas secundarias, é dicir, nos 50 metros máis próximos ás vivendas.

Non obstante, o custe será repercutido aos propietarios porque "todos debemos cumprir a lei co obxectivo de anticiparnos aos incendios forestais", afirmou o conselleiro. "A xestión da biomasa é unha competencia municipal pero a Xunta decidiu colaborar neste asunto tan importante como é a anticipación aos incendios. A Xunta remitiu aos municipios arredor de 200.000 notificacións para que os consistorios instaran aos propietarios á limpeza das súas fincas en prazo", engadiu.

Dese total, 2.000 foron comunicadas ao Concello de Cualedro, incluídas tanto notificacións a particulares como publicacións a propietarios descoñecidos, e 1.600 ao Concello de Monterrei. Ante a falta de execución deses traballos, o importe total que asume a Xunta para a limpeza de ditas zonas, que en ambos casos alcanzan as 50 hectáreas, ascende a 120.000 euros no caso de Cualedro e outros 140.000 en Monterrei.

A  porcentaxe de xestión en Cualedro aproxímase ao 73% e en Monterrei, ao 80% (José González, conselleiro de Medio Rural)

Para concluír, José González referiuse á Lei de recuperación da terra agraria de Galicia e ás figuras de posta en valor que contempla para xerar actividade económica que sirva, ao tempo, de anticipación aos incendios forestais. "A comarca de Monterrei será a primeira en acoller polígonos cortalumes, deseñados especificamente para exercer de devasa natural fronte aos lumes", concluíu. Arestora, atópase nas primeiras fases a posta en marcha deste tipo de polígonos nas zonas de A Xironda-San Millao-San Cristovo-Medeiros, tal e como anunciou a pasada semana o propio conselleiro.

NOTICIAS VERÍN | A Xunta executa a limpeza de fincas pendentes en Cualedro e Monterrei,...