sábado. 20.04.2024
Vendima na adega Castro de Lobarzán neste 2022. | FOTO: Iván Iglesias.
Vendima na adega Castro de Lobarzán neste 2022. | FOTO: Iván Iglesias.

En outubro de 2021, a Deputación de Ourense e a Consellería de Medio Rural comprometéronse a colaborar na recuperación da Festa da Vendima de Monterrei. Un ano despois, isto será unha realidade e a data escollida para a súa celebración é o 22 de outubro no castelo, así o confirmaron dende a Denominación de Orixe Monterrei.

Na cita, ademais de promocionar os viños da comarca, tamén se porán valor todos os recursos turísticos, patrimoniais e culturais da comarca. A Festa da Vendima de Monterrei servirá para potenciar tanto a imaxe de marca e identidade desta D.O., como o turismo vinculado aos territorios vitivinícolas.

Nos vindeiros días, dende a D.O. Monterrei ofrecerán máis información sobre este evento que completa unha axenda promocional na que tamén se atopan a Feira do Viño ou o Túnel do Viño, co que xa viaxaron a diversos puntos de Galicia e España. O acordo acadado o ano pasado entre a Deputación e Medio Rural para recuperar a festa, tamén contempla unha potenciación dos aspectos relacionados coa Ruta do Viño, que é un importante factor de promoción na zona. 

Esta iniciativa de promoción dos viños de Monterrei enmárcase dentro da estratexia de dinamización económica, territorial e turística das comarcas vitivinícolas de Galicia. O seu obxectivo é consolidar os viños galegos tanto nos mercados nacionais como nos internacionais e transformar, dende estes anos e ata o 2026, a capacidade de xeración de valor dos territorios nos que se produce.

NOTICIAS VERÍN | A Festa da Vendima de Monterrei xa ten data, será o 22 de outubro