Xoves. 28.03.2024
Carme Sola Pérez, doutora no centro de saúde de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.
Carme Sola Pérez, doutora no centro de saúde de Verín. | FOTO: Noelia Caseiro.

A médica Carme Sola Pérez (Verín, 1974) será, de novo, a cabeza de lista da formación independente Veciños de Monterrei, coa que obtivo tres concelleiros nos comicios municipais do 2019, a moi poucos sufraxios do cuarto. 

O cambio non é que sexa necesario, e que é imprescindible nun municipio que esmorece nas mans do clan Suárez

A doutora optará de novo á alcaldía do Concello de Monterrei encabezando unha lista propia, malia as ofertas que tivo doutras formacións políticas, moi interesadas en que fose ela a súa líder. Tamén o BNG verinense quixo achegarse a Sola Pérez, pero declinou a oferta: "Non podía deixar de lado a todos eses veciños de Monterrei que confiaron no noso proxecto, sería unha traizón á súa aposta por un cambio que non é que sexa necesario, e que é imprescindible nun municipio que esmorece en mans do clan Suárez", sinalou a esta redación. 

Suárez non ten respecto polo adversario, xa sexa concelleiro ou votante

Sola Pérez tamén quixo deixar que hai outro xeito de facer política municipal en prol do cidadán: "Todos os nosos votantes, e moitos dos que aínda non o son, son sabedores de que outro xeito de facer política é preciso. Vale máis limpar os ríos e evitar que se aneguen baixos a construír obras faraónicas ou innecesarias. É máis importante coidar os montes e limpar os perímetros de seguridade das aldeas; que logo laiarse dos lumes, como o que puxo en risco a vida das persoas en San Cristovo. Por pór dous exemplos do tipo de políticas deste alcalde que non ten respecto algún polo adversario, xa sexa concelleiro ou votante", apuntou a doutora. 

A voceira de Veciños de Monterrei tamén anunciou a que será a pedra angular da súa política municipal: "Cando sexa alcaldesa, repartirei os fondos muncipais e aqueles que se acheguen doutras administracións de xeito equitativo, garantindo incialmente que todos os servizos básicos estén cubertos, que por extraño que pareza, aínda temos aldeas no noso concello e no século XXI que non contan con eles".

 

 

NOTICIAS VERÍN | A doutora Carme Sola encabezará a lista de Veciños á alcaldía de...