jueves. 25.04.2024
Albarellos recupera un dos seus festexos máis divertidos co descenso das carrilanas o 24 dde xullo.

Albarellos recupera un dos seus festexos máis divertidos. Coincidindo coas festas do Santiago Apóstolo, este domingo 24 de xullo as carrilanas volverán descender polas súas rúas despois do parón obrigado pola pandemia. Esta convocatoria ineludible terá lugar ás 20:00 horas, cando comezarán a baixar os primeiros participantes.

As dúas carrilanas máis rápidas terán premio. A primeira recibirá 120 euros e a segunda 60. Tamén para motivar a imaxinación dos participantes, a carrilana que máis chame a atención polo seu deseño levará 50 euros. Ademais, todos os participantes levarán unha medalla, independentemente do resto de premios.

Participante do último descenso das carrilanas no 2019.
Participante do último descenso das carrilanas no 2019. | FOTO: O Trebón do Mildeu.

 

O descenso destes vehículos é unha das actividades do programa das festas na honra do Santiago Apóstolo, que comezarán o sábado 23 de xullo coa Festa da Xuventude a partir das 00:00 horas coa discomóbil Gramola. O domingo, ademais das carrilanas, contarase cunha pulpeira a mediodía e tralo descenso celebrarase un partido de solteiros contra casados ás 21:30 horas. Pola noite, haberá verbena coa orquesta Garibaldi e con Gramola. 

O 25, día do Santiago, comezará cun pasarrúas a cargo da charanga BBB ás 9:00 horas para darlle paso á banda de música de Celanova ás 11:00. A mediodía a figura do Santiago Apóstolo sairá en procesión e contará cunha misa que dará paso a unha sesión vermú coa banda celanovesa no campo da festa. Ás 00:·30 horas volverá a música coa orquesta Malibú Show e con Gramola.

Os festexos rematarán o 26 de xullo na honra de Santa Ana. Nesta xornada, a charanga Fuego dará o pasarrúas e amenizará a sesión vermú trala procesión e misa pola virxe. Ás 18:00 horas arrincará un "pasabares" con Fuego para levar a música polos bares A Curva, Celta e O Campo. Pola noite, ás 21:00 horas, será o turno dunha actuación de música tradicional coa Asociación Cultural Candaira e a festa rematará coa verbena do grupo En Mala Hora.

Cartel das festas de Albarellos.
Cartel das festas de Albarellos.

 

NOTICIAS VERÍN | As carrilanas baixarán de novo por Albarellos nas festas do Apóstolo