Os veciños da Madanela, en Monterrei, non deixan de ter problemas por culpa da auga municipal. Onte sufriron unha nova complicación que se suma ás que arrastran, xa que polas billas só saía auga toldada "non apta para o consumo", sinalan dende o BNG de Monterrei, que se fai eco dos problemas da veciñanza desta localidade. Ademais, no 2018, esta parroquia xa tivo dificultades coa subministración polos seus altos niveis de arsénico.
A seca está complicando as tarefas de subministro en moitos concellos da comarca e Monterrei non se libra. Alberto Rodríguez, líder do BNG no municipio, sinala que "os pozos de auga que están na zona do Carregal levan pouca auga" para abastecer a Madanela. Para solventar esta situación, os veciños levan tempo pedindo "que se fagan uns pozos noutra zona con máis auga" e lles permita rematar coa problemática da escaseza, pero "non entenden o motivo polo que o Concello non lles fai caso", din dende o partido nacionalista.
Se os problemas non eran poucos, os pozos de decantación que fixo o Concello de Monterrei, cunha subvención da Deputación, están vertindo augas fecais ó regato. "Isto ocorre e pode verse. Os pozos non fan a súa función, o cheiro é insoportable e o máis grave é que os vertidos van cara ás hortas", destaca Rodríguez, quen estivo na zona para coñecer de primeira man o que está a pasar na Madanela. Os veciños demandan solucións ó Concello, xa que a auga contaminada campa ás súas anchas.
Nesta gran lista de problemas coa auga, súmase o estado do lavadoiro do pobo que ten pérdidas continuadas. A estrutura do mesmo ten varias fendas polas que sae a auga, que nestes momentos escasea. "Os veciños estan indignados e, máis aínda, cando polas billas lles esta saíndo a auga toda toldada", sinala Rodríguez.
Este xornal púxose en contacto co alcalde, José Luis Suárez, pero non obtivo resposta. Mentres, dende o BNG esixiranlle que dea resposta ós problemas dos veciños da Madanela "o antes posible".