Despois dun ano de paro por mor do coronavirus, os veciños de Albarellos recuperarán os seus traxes máis terroríficos para celebrar a noite de Samaín baixo o lema de 'Xa podes correr'.
Será o vindeiro sábado, día 30 de outubro, ás 20:30h, cando se reúnan de novo na praza da localidade despois de abonar unha entrada de 1€ por persoa. Desta volta, organizados en grupos para evitar aglomeracións e poder seguir respectando todas as medidas sanitarias contra a Covid-19, das que forma parte esencial o uso da máscara.
Se a climatoloxía o permite, a celebración contará coa presenza dunha food truck e dun bar mentres soa música de baile para compartir xuntos unha das noites máis especiais do ano.
Pensando na cativada
Un dos colectivos que máis desfruta desta festa é a cativada, que tamén poderá formar parte dela esa mesma mañá, a partir das 10:30h, na Casa das Mulleres Rurais da localidade. Alí procederán ao baleirado de cadansúa cabaza para despois decorar o percorrido do xeito máis arrepiante posible. Ao remate, os cativos tamén poderán maquillarse acorde á ocasión. A actividade será de balde aínda que será preciso anotarse previamente no teléfono 649 748 127.