domingo. 19.07.2026
O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural de Galicia, celébrase os días 3 e 4 de outubro

Julia Bailón, a cantora da Madanela, protagonista dos 40 anos da Xuntanza Internacional de Gaiteiros

202312 Banda de Gaitas Nova Era no castelo de Monterrei
A Banda de Gaitas Nova Era actuará no evento.

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros renderá homenaxe á figura das cantareiras, poñendo o foco en Julia Bailón Fernández, cantora da Madanela (Monterrei). O evento, declarado de Interese Turístico e Cultural de Galicia, celebra o seu 40º aniversario e congregará un cento de participantes en distintas localizacións, como Flariz, o Parador de Verín e Albarellos

Aprazado por mor dos incendios forestais do verán, celebrarase hoxe e mañá -3 e 4 de outubro- no marco do festival Monterrei Reverdece, que inclúe a Festa da Vendimia e un concerto de Luar na Lubre. O director da Escola de Gaitas da Deputación, Xosé Lois Foxo, destacou o papel da Xuntanza como "un dos eventos de maior importancia no mundo das cornamusas", reivindicando o mundo rural e convertendo a Monterrei no epicentro da cultura popular. O deputado de Cultura, César Fernández, subliñou que o evento é unha "aposta polas raíces e a identidade" da provincia.

Programa e actuacións 

A Xuntanza Internacional de Gaiteiros dará comezo esta tarde na praza da Hermida de Flariz a partir das 17:00 horas. Contará coa Banda de Gaitas de Flariz, músicos de Galicia e Euskadi, e gaiteiros chegados de República Checa, Bélxica e Escocia. Mañá, venres 4 de outubro, as actividades trasládanse ao Parador de Verín; dende as 12:00 horas comezarán as conferencias e a mostra de gaitas europeas a cargo de expertos de Galicia, Asturias, Portugal e países como Bélxica e Escocia.

Xa pola tarde, o evento trasladarase ata Albarellos cunha gala que contará con agrupacións de Galicia, Asturias, Euskadi, República Checa, Bélxica, Escocia e Cuba. Será o momneto álxido do encontro coa homenaxe a Julia Bailón. O peche da Xuntanza correrá a cargo da Real Banda de Gaitas da Deputación.

Julia Bailón, a cantora da Madanela, protagonista dos 40 anos da Xuntanza Internacional...