O presidente da Deputación, Luis Menor, e o delegado da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, achegáronse onte a Monterrei para participar na celebración da "Xuntanza dos maiores", unha cita adicada ás persoas maiores deste municipio e que foi recuperada logo de 6 anos sen celebrarse, motivo polo que Menor felicitou ao Concello de Monterrei, personificado no seu alcalde, José Luis Suárez Martínez, por esta iniciativa.
A cita festiva congregou a medio millar de participantes e Menor lembrou que "as administracións temos a obriga de coidar das persoas”, poñendo como exemplo a acción desenvolvida pola Deputación a través dos seus programas de Benestar". Unha xornada que comezou coa recepción dos asistentes para seguir cunha misa de campaña e o xantar amenizado polos gaiteiros de Flariz e Medeiros e a orquestra Xoldra. A xuntanza remataba co tradicional baile de fin de festa con discomóbil incluída.
Non foron os únicos políticos das filas populares que estivo na festa; o deputado Víctor Baladrón, as alcaldesas Ana Villarino e Eva Barrio, o rexedor Luciano Rivero e o director xeral de Maiores e Atención Sociosanitaria da Xunta de Galicia, Antón Acevedo, tamén asistiron á recuperación das tradicionais xuntanzas de maiores.

