
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde de Monterrei, José Luis Suárez Martínez, firmaron esta mañá o convenio de colaboración para a financiación dun Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Monterrei, co fin de que antes de que finalice o actual mandato poida sumarse ó listado de municipios de Galicia co plantexamento adaptado á lexislación vixente ou coa tramitación ben avanzada.
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda aportará o 100 por cen do presuposto necesario, que se eleva a case 90.000 euros; ao mesmo tempo que lles brindou a colaboración a nivel técnico da Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, en todas as fases que debe iniciar agora o Concello.
Monterrei ríxese na actualidade por unhas Normas Subsidiarias provinciais aprobadas en 1986, polo que a Xunta quere apoiar ao Concello neste obxectivo que comparte de contar cun plan actualizado e con seguridade xurídica para posibilitar o desenrolo sostible.
En decembro de 2016 coñecíase a resolución do Tribunal Supremo que, en contra do ditaminado polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, acabou por anular definitivamente o planeamento de Monterrei, considerando os maxistrados do Supremo que no documento aprobando non se garantían con suficiencia os recursos hídricos precisos para a poboación contemplada no mesmo.
O novo PXOM deberá adecuar o anterior á lexislación vixente arestora e non creo que esté listo antes de que remate o mandato, porque legalizar todos os mananciais existentes no Concello que non contan con rexistro é un traballo que se demorará varios anos (José Luis Suárez Martínez, alcalde de Monterrei)
O rexedor, José Luis Suárez Martínez, confirmou que a redación do novo documento respectará en máis dun 80 por cento o recollido no planeamento anulado: "O novo PXOM deberá adecuar o anterior á lexislación vixente arestora e non creo que esté listo antes de que remate o mandato, porque legalizar todos os mananciais existentes no Concello que non contan con rexistro é un traballo que se demorará varios anos".
Ángeles Vázquez e Suárez Martínez acordan a colaboración. | FOTO: Consellería de Medio Ambiente.
Ángeles Vázquez trasladoulle a Suárez Martínez o esforzo realizado nos últimos anos para implantar entre os concellos a filosofía de urbanismo responsable, de maneira que cada día se incremente o número de municipios que contan con estes Plans Xerais.