
Mil euros, dos que 200 corresponderanlle só ao rexedor do Concello de Monterrei, José Luis Suárez Martínez -que mantén o privilexio de cobrar esa cantidade cando o resto dos edís só perciben 80 euros-, custaralle ás arcas municipais o pleno que está convocado para este mércores ás 11:00 horas e no que non hai ningún punto na orde do día destacado, máis alá dos sempre fixos da aprobación da acta da sesión anterior e o establecido para os rogos e as preguntas dos grupos da oposición.
Na convocatoria non hai ningún outro punto que non sexan os fixos de cada sesión.
Carme Sola, a voceira do principal partido da oposición, que conta con tres edís na Corporación, declarou que "nos parece unha verdadeira burla, no só á representación no pleno, senón a todas as veciñas e veciños do Concello de Monterrei. É como se non pasase nada neste municipio, ou o que ocorre non fose de entidade suficiente para debatir nunha sesión plenaria", di a representante de Veciños de Monterrei.
Insiste Sola en que "non nos sorprende que así sexa, non é a primeira vez que convoca un pleno sen puntos. Como tamén non é a primeira vez que nos entrega a documentación da súa acción de goberno ata dous meses despois de que teña lugar, co cal, se sumamos o ter que esperar pola convocatoria do pleno, pode chegar a pasar ata catro meses dende que se tomou algunha decisión nas xuntas de Goberno", di Carme Sola.