miércoles. 17.04.2024
Xornada de viticultura organizada pola D.O. Monterrei. | FOTO : Xosé L. Colmenero
Xornada de viticultura organizada pola D.O. Monterrei. | FOTO : Xosé L. Colmenero.

A Denominación de Orixe Monterrei celebrou esta mañá unha xornada teórico-práctica sobre a dixitalización na viticultura, dentro do programa alternativo que organiza o Concello de Monterrei en colaboración co Inorde, para substituír á Feira do Viño, que foi cancelada polo covid. 

A xornada, desenvolvida no marco do proxecto europeo Red Agriconect 4.0, contou coa participación dunha vintena de profesionais do sector. Nela abordouse a importancia da dixitalización na viticultura e o "apoio á toma de decisións en viñedo", dando así inicio ó calendario de actividades alternativas programadas ó longo destes días.

Durante a súa intervención, a presidenta do C.R.D.O. Monterrei, Lara Da Silva, que estivo acompañada da xerente do Inorde, Emma González, abordou a necesidade de dixitalizarse para impulsar un “medio rural vivo, sostible e rendible”. 

"Hai que ter en conta que determinadas técnicas dixitais orientadas á toma de decisións, tanto en viñedo coma en adega son, a día de hoxe, unha potente baza para a nosa competitividade", sinalou Da Silva, firmemente convencida da necesidade de "reinventarse e adaptarse" para posicionar os viños. 

Neste senso, insistiu en que as novas tecnoloxías axudan non só a "incrementar esa rendibilidade necesaria para manter o texido industrial e loitar contra o despoboamento" senón tamén a "reducir o custe do cultivo e a mellorar a calidade e o entorno".

Durante a xornada, os participantes puideron achegarse á diferentes contidos como son a recollida de datos meteorolóxicos, modelos de predición de enfermidades fúnxicas, mapas de vexetación, xestión de recursos hídricos e tamén coñeceron o funcionamento de sensores que se poden empregar nas distintas fases da vide. 

Esta actividade terá continuidade o venres 13 de agosto cunha cata titulada "aromas e sabores. Harmonías de frutas e viños" (ás 18.00 horas, na casa rural O Retiro do Conde), e co Tren Turístico da Ruta do Viño, o sábado. 

En paralelo, tamén haberá "catas verticais de añadas da D.O. Monterrei", no Antigo Hospital de Peregrinos (Castelo de Monterrei), nos seguintes horarios: 12.00 e 18.00 horas (tanto o sábado 14 coma o domingo 15). 

A D.O. Monterrei aborda nunha xornada a importancia da dixitalización na viticultura