O PSdeG-PSOE considera "inadmisible" que o alcalde de Laza, o popular José Ramón Barreal, cobre gastos de quilometraxe por acudir dende o seu domicilio ate o seu centro de traballo sito no Concello de Laza. Os socialistas afirman que o rexedor "despilfarra" milleiros de euros públicos das arcas municipais por desprazarse a exercer as súas tarefas de alcalde dende Verín ata Laza e critican que "venda fume con asentar poboación en Laza e atraer novos veciños e veciñas, namentres el mesmo reside noutra localidade".
No último pleno municipal, o voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Jesús Blanco Conde, aproveitou para preguntarlle ao rexedor se "consideraba admisible que un alcalde cobre quilometraxe por acudir dende o seu domicilio ou centro de traballo ao Concello?". Os socialistas critican que o rexedor "embolsouse" a cantidade de 3.909,69 € por gastos de desprazamento na anualidade de 2020, tal e como se acordou na liquidación feita na sesión ordinaria do pasado 13 de xaneiro. Unha situación que demostra que en 2021 o rexedor cobrará unha cantidade arredor dos 10.000 euros por gastos relacionados coa quilometraxe e os desprazamentos, cantidade que para os socialistas "é inmoral e atenta contra a ética de quen exerce un cargo público en representación da veciñanza".
Blanco Conde considera que esta circunstancia amosa que Barreal "ten unha retribución encuberta por ser alcalde de Laza e que xa foi destapada no pleno, na que o rexedor recoñeceu e defendeu estas contías que percibe". O voceiro dos socialistas de Laza tamén encontra "chamativo" que o propio día no que o actual alcalde retomou á alcaldía, "pasase como dietas a quilometraxe dende Pazos a Laza, tanto de ida como de volta, a pesar de que na ida non era rexedor do municipio".
Dende o PSdeG-PSOE tamén denuncian que o alcalde "aumenta de xeito desorbitado os quilómetros que cobra", xa que tal e como relatan, o 30 de agosto de 2020 e baixo o concepto "para despachar asuntos no concello, visita obra para iniciar o calvario de Matamá", o rexedor declarou 52 quilómetros e así o aprobou a xunta de goberno. Unha situación que consideran "ilóxica", xa que tal e como afirman "entre Verín e Laza hai 36 quilómetros de ida e volta e entre Matamá e Laza 4, polo que o alcalde pasou 8 quilómetros de máis que foron pagados cos cartos da veciñanza do municipio". Unha circunstancia que se repetiu en varias ocasións.
O voceiro socialista aproveita para lembrar que durante o seu período ao fronte da alcaldía de Laza "non pasei unha soa dieta de quilometraxe e fixen varias viaxes tanto a Ourense, como a Santiago ou Verín, como tampouco cobrei por desprazarme aos núcleos de poboación para escoitar á veciñanza". Por este motivo, Blanco Conde esíxelle ao alcalde do Partido Popular que sexa "ético" e que "non perciba quilometraxe por desprazarse da casa ao traballo ou aos distintos núcleos de poboación do municipio, xa que forma parte do seu cargo e resulta inmoral e prexudicial para as arcas municipais".