domingo 05.07.2020

A oliveira de Castro de Laza, proposta como árbore senlleira

Foi realizada unha proposta ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras da oliveira que se atopa na igrexa de Castro de Laza, un exemplar moi singular.

A oliveira loce dende fai máis de 200 anos na Igrexa de Castro de Laza | FOTO: Nieves Amado.
A oliveira loce dende fai máis de 200 anos na Igrexa de Castro de Laza | FOTO: Nieves Amado.

A oliveira da Igrexa de Castro de Laza, unha árbore de máis de 200 anos foi proposta por Xosé Ramón Reigada, un dos maiores coñecedores de fauna e flora da comarca, ante a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, para a súa inclusión no Catálogo de Árbores Senlleiras.

Foi Nieves Amado, veciña de Laza e investigadora de patrimonio cultural, a que deu a coñecer nun grupo de Facebook, xestionado por Xosé Ramón Reigada, a oliveira de Castro de Laza. O interese destas persoas por dar a coñecer espécimes singulares débese a que non hai case presenza de exemplares da comarca no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras. En toda a bisbarra tan só existe unha árbore catalogada; un castiñeiro en Cerdedelo. Con este primeiro achegamento, o que se tenta conseguir é dar a coñecer novas árbores que poidan ser propostas para incluír no Catálogo.

Reigada asegura que a mellor forma de localizar novas árbores é falando directamente cos veciños das distintas localidades, e para achegarse a eles, as redes sociais son unha boa opción, de aí a creación de “Árbores senlleiras tamaganas”, o grupo de Facebook no que Nieves Amado deu a coñecer a oliveira da igrexa de Castro de Laza. O experto en flora e fauna fai fincapé en que "a maioría dos exemplares da comarca con calidades para a súa inclusión no catálogo son de propiedade privada, polo que hai que ir vendo como evolucionan estas posibles propostas e o interese mostrado polos propietarios".

A maioría dos exemplares da comarca con calidades para a súa inclusión no catálogo son de propiedade privada, polo que hai que ir vendo como evolucionan estas posibles propostas e o interese mostrado polos propietarios (Xosé Ramón Reigada)

A oliveira é máis alta que a igrexa. | FOTO: Nieves Amado Rolán

Esta árbore ten un bo porte debido a non recibir podas importantes e a súa lonxevidade faina aínda máis especial, pero a decisión de presentala como árbore senlleira vai máis aló. A xente de Castro séntese identificada coa árbore, xa que baixo as súas ramas agóchanse moitas historias. A oliveira está vencellada a toda a parroquia, xa sexa polas misas, bodas, comuñóns, festexos ou enterros.

En Galicia, as oliveiras nos adros das igrexas son bastante comúns. Esta árbore empregábase para a produción de aceite para os Santos Óleos –a unción de enfermos- e o aproveitamento das ramas para a bendición do día de Ramos. A día de hoxe, o día de Ramos, os fregueses aínda collen ramiñas da oliveira para bendicir. A oliveira de Castro está situada ao lado dunha pequena porta de acceso ao adro polo sur. Esa entrada era pola que chegaban os veciños de Vilameá e Soutelo Verde, tras camiñar por un sendeiro que conectaba as aldeas coa igrexa. Son moitos os que teñen o recordo de ir á misa a pé por ese carroucho e ao chegar ver a oliveira, unha árbore que xa é parte da igrexa e, o que é máis importante, da súa xente. A oliveira de Castro é, a fin de contas, unha árbore sacralizada, xa sexa pola utilidade que se lle deu ao longo dos anos ou polos recordos que quedan gravados na cabeza dos veciños de Castro e da contorna.

Catalóganse como árbores senlleiras aquelas que polas súas características extraordinarias ou destacables (tamaño, idade, significación histórica ou cultural, rareza, beleza, etc.) son consideradas reliquias botánicas obxecto de respecto veciñal e con valor científico, cultural, didáctico, paisaxístico ou ornamental. Estes exemplares representan un valioso legado e teñen un valor natural importante, xa que subsistiron aos rigores dos tempos e contan cunhas particularidades especiais. Para avaliar as propostas, a Consellería emprega criterios dendrométricos -grosor, altura...-, biolóxicos e ecolóxicos, estéticos, culturais e de situación -lugar de localización-. As árbores e formacións singulares que se inclúan no Catálogo son consideradas protexidas para todos os efectos.

Agora hai que esperar a que, dende a Xunta de Galicia, resolvan a proposta de incluír a oliveira da igrexa de Castro de Laza no Catálogo Galego de Árbores Senlleiras.

A oliveira de Castro de Laza, proposta como árbore senlleira
comentarios