domingo. 19.07.2026
Centos de litros de auga pérdense cada día por fugas municipais

O PSdeG-PSOE de Laza alerta do malgasto de auga por parte do Concello

O PSdeG-PSOE de Laza denuncia as perdas de auga no municipio.
O PSdeG-PSOE de Laza denuncia as perdas de auga no municipio.

PSdeG-PSOE de Laza denunciou que o Concello levou todo o verán desperdiciando auga da rede de abastecemento municipal, que remata nos sumidoiros debido ás numerosas fugas existentes. As e os socialistas critican que, mentres media Galicia afronta alerta por falta de auga para consumo humano, en Laza "permitímonos o luxo de desperdiciala pola nefasta e neglixente xestión do goberno municipal do Partido Popular".

 

Segundo explican desde o grupo municipal socialista, as fugas de auga son constantes en varios puntos do municipio, especialmente na capitalidade, como na rúa Barrio e na zona do pavillón de deportes fronte ao albergue. Por iso, exixen ao goberno local que adopte medidas urxentes e revise a rede de abastecemento, "porque é sorprendente que nunha rede renovada teñamos estes problemas de perdas de auga".

 

O voceiro do PSdeG-PSOE en Laza, Juan Ramón Álvarez Álvarez, subliña que a situación "ven de lonxe", xa que levan catro meses esperando que o alcalde José Ramón Barreal solucione as fugas. Álvarez explica que as preguntas realizadas en sesión plenaria foron respondidas con escusas e culpando a xuntas defectuosas.

 

Para o edil socialista, "é inadmisible que o alcalde deixe correr o tempo e non solucione o problema das perdas de auga, que supón un importante malgasto e custo ao concello". Ademais, critica que mentres se perden centos de litros de auga ao día, o goberno municipal aumenta os recibos aos veciños por un servizo deficiente e con frecuentes avarías.

 

As e os socialistas de Laza insisten en que a auga é un elemento imprescindible para a vida e debe contar con garantías mínimas de cantidade e calidade. Por iso, esixen ao alcalde un uso eficiente da auga, unha mellora da rede de abastecemento e unha revisión completa da mesma para reparar todas as fugas detectadas.

O PSdeG-PSOE de Laza alerta do malgasto de auga por parte do Concello