miércoles. 24.04.2024
1
Luns de Entroido en Laza, no momento das formigas e a baixada da Morena no 2020. | FOTO: Arquivo.

Xa vimos tendo ganas de gozar dun Entroido sen restricións e limitacións propias da pandemia... e este vai ser o ano. Por eso, en Laza teñen organizada unha completa programación para que veciñanza e visitantes podan volver ser partícipes da gran festa na honra de Don Carnal. Un mes enteiro repleto de actividades, verbenas, pasarrúas, música e troula e no que volven os folións con máis ganas que nunca. Ademais, non podemos esquecer o ciclo Tempo de Entroido que achegará actividades culturais relacionadas coa identidade propia do Entroido de Laza. 

A Comisión do Entroido, xunto coa Asociación enLAZAdos e o Concello de Laza teñen claro que, este ano, o Entroido de Laza ten que recuperar o seu apoxeo; con ese obxectivo esforzáronse en organizar unha chea de actividades festivas e culturais para que grandes e pequenos volvan sentir a emoción do Entroido... porque, nesta terra nosa, todas e todos sabemos que o Entroido é moito máis que unha festa, é un sentimento.

Volven os folións de xeito oficial; sairán dende A Cerdeiriña cada venres acompañados e estimulados co retumbar dos bombos do Trebón do Mildeu, A Caniceira de Trives e o Folión da Veiga. Tamén a cativada volverá divertirse co Folión dos nenos que fará o CEIP O Castiñeiro polas rúas de Laza. As Comadres terán a súa cea, á que, de seguro, asistirá máis dun home disfrazado de muller. A mocidade de Laza preparará a súa Cabritada o sábado. Celebrarase o domingo de Estrea na honra dos Peliqueiros e o martes de Entroido volverán saír os Peliqueiros veteráns para demostrar o seu saber facer.

IMG_0308
Luns de Entroido en Laza, 2020, | FOTO: Arquivo.

O día grande, coma sempre, será o luns Borralleiro. A farrapada, os Maragatos e a Xitanada dos burros pola mañá; a baixada da Morena, as formigas, os toxos e cobelleiros e o reparto da cachucha, pola tarde. A troula rematará o martes co Testamento do burro, o Enterro do Entroido e o loito dos Peliqueiros. E, ós grandes eventos, temos que sumarlles as moitas actividades que se desenvolverán: animacións musicais, orquestras, estrea da documental Entroidar, pasarrúas, desfile de carrozas, debates sobre a tradición dos entroidos de Castro, Laza e Matamá, charangas, un obradoiro para aprender a facer a bica... Detallamos a axenda completa mailos horarios de todos os actos.

Programación Entroido de Laza 2023

Dende a organización do Entroido de Laza, avísannos de que todos os horarios son orientativos. Porque, como ben sabemos, "o Entroido de Laza nunca tivo horarios propiamente ditos". A música na Praza da Picota será, aproximadamente, dende as 19h. ata as 21:30h.; os horarios das verbenas, entre as 00h. e as 4h. da madrugada.

Folións

Sairán todos dende A Cerdeiriña de Laza, os venres.

  • 27 de xaneiro e 3 de febreiro: a partir das 23h. co Trebón do Mildeu.
  • 10 de febreiro: a partir das 23h. co son de A Caniceira de Trives.
  • 17 de febreiro, Gran Folión: ás 00h acompañado do retumbar do grupo de bombos Folión da Veiga. Chocos e fachóns sairán dende o fondo da Cerdeiriña percorrendo a rúa da Cerdeiriña, A Picota, A Rúa e Souteliño ata chegar a Cimadevila.

O Folión dos nenos celebrarase o xoves de Comadres, día 16 de febreiro, ás 14:30h.

Xoves de Comadres

Día 16 de febreiro.

  • Pola mañá: Folión dos nenos do CEIP O Castiñeiro polas rús de Laza a partir das 14:30h.
  • Pola noite: Cea das Comadres e verbena a cargo de Grupo 3.com.

Venres de Folión

Día 17 de febreiro.

  • Pola tarde: pasarrúas co grupo tradicional Os Calandracas.
  • Pola noite: Gran Folión dende as 00h.

Sábado de Cabritadas

Día 18 de febreiro.

  • Pola tarde: pasarrúas e animación co grupo tradicional Feiticeiros do son. Fariñada dos nenos e música a cargo da Charanga BBB.
  • Pola noite: Cabritada dos mozos do pobo, troula e verbena co Grupo 3.com.

Domingo de Estrea

Día 19 de febreiro.

  • Pola mañá: Estrea dos Peliqueiros. Pasarrúas coas charangas Vaite xa e Europa. Espera da saída da misa (13h.) e reparto da Bica dos Peliqueiros (13:30h.), na Praza da Picota.
  • Pola tarde: Desfile de carrozas típicas coa charanga Vaite xa e o grupo tradicional Os Varacuncas. Horario: 17:30h.

Luns Borralleiro

Día 20 de febreiro.

  • Pola mañá: pasarrúas coa charanga Europa e o grupo tradicional No Cómbaro. A partir das 10:30 horas: Farrapada, Maragatos e Xitanada dos Burros co grupo tradicional Os Varacuncas
  • Pola tarde: na Picota escoitarase música da charanga Vaite xa e da Batukada Latexo Percusión, amenizando á espera do que está a chegar. En Cimadevila será a charanga Europa que poña son á Baixada da Morena acompañada das formigas, dos toxos e coballeiros ata a Praza da Picota. Ó remate, realizarase o tradicional reparto da cachucha. Horario aproximado: a partir das 18:30 horas, coincidindo co solpor.
  • Á noitiña: a festa continuará na praza da Picota coa animación musical de Os Festicultores. Máis tarde, ó redor da medianoite, comezará a verbena coa Orquestra Triunfo.

Martes de Entroido

  • Pola mañá: a partir das 10:30h., saída dos Peliqueiros veteráns. Pasarrúas coa charanga Europa e o grupo tradicional No Cómbaro.
  • Pola tarde: baile coa orquestra La Ocaband. A partir das 19 horas, Testamento do burro, Enterro do Entroido e Loito dos Peliqueiros.
  • Á notiña: animación musical coa charanga Louband.

NOTICIAS VERÍN | Laza programa un Entroido cheo de actividades para recuperar o apoxeo...