sábado. 20.04.2024
cartaz tempo entroido 2023
Unha actividade cada semana para gabar a idiosincrasia do Entroido de Laza.

Xa non queda nada. Casas de toda a comarca están cheas de teas, cintas e fíos para deseñar e coser disfraces. Buscamos perrucas e complementos para crear as comparsas. Peliqueiros, cigarróns, boteiros, vellaróns e zarramoncalleiros comezan sacar traxes e máscaras a airear logo dun ano gardados nos armarios. É tempo de Entroido e sentimos os nervios no corpo. En Laza non queren esperar máis e comezan a organizar actividades para celebrar a chegada de Don Carnal: debates, fotografía, obradoiro gastronómico, curtametraxes e a estrea da documental Entroidar.

Hai tempo que a idea lles rondaba na cabeza ós membros da Comisión do Entroido de Laza, pero houbo que esperar para podelo facer realidade. Xunto coa Asociación Enlazados e a colaboración do Concello de Laza, este ano ponse en marcha Tempo de Entroido co obxectivo de "facer cousas que marcan a identidade do Entroido de Laza e ampliar as actividades que se fan", explica Xacobo García, presidente da Asociación Enlazados e membro da comisión.

Serán catro semanas dedicadas a poñer en valor o Entroido de Laza. Cada fin de semana haberá unha actividade na que poden participar "todos os veciños e veciñas e quen quera vir", continúa Xacobo García. Tempo de Entroido comeza coa estrea en Laza da longametraxe Entroidar, un documental do santiagués Pablo Ces que recolle as personaxes, os lugares e a propia celebración. Un percorrido pola natureza do Entroido para comprender os ritos e o sentir dos lazaos e lazás. Será o sábado 21 de xaneiro, ás 18 horas no baixo da Casa do Concello.

A segunda das actividades contará coa presenza dos Boteiros de Viana do Bolo e das Bonitas de Sande (Cartelle) para participar no coloquio "Patrimonio e identidade". Será o sábado 28 de xaneiro, ás 18 horas no baixo da Casa do Concello. Logo do debate, proxectarase a curta "Ningún deus", da limiá Mirian Opazo.

O domingo 5 de febreiro estará dedicado ó visionado dunha escolma de fotografías e vídeos realizados por Roberto de La Torre sobre os entroidos de Laza, Castro e Matamá. "É un privilexio poder ver en primicia as fotos; Roberto, xa dende antes de Reis, vai de mascarada en mascarada recollendo imaxes dos entroidos de todo o Norte peninsular", cóntanos Xacobo García. Será á partir das 16 horas no baixo da Casa do Concello.

Non ía quedar a gastronomía típica do Entroido sen a súa actividade; por iso, o sábado 11 de febreiro será o día do Obradoiro da Bica. Unha oportunidade para que toda a veciñanza poda elaborar a tradicional bica de Laza no forno comunal da Picota. A organización porá todos os ingredientes, polo que será necesario inscribirse previamente ó prezo de 6 euros. Dará comezo ás 16 horas.

NOTICIAS VERÍN | Laza inicia o "Tempo de Entroido"