lunes. 20.07.2026
Foi a terceira edición dunha actividade que busca afondar nas tradicións entroideiras de Galicia

A IMAXE DE... | Don Carnal chegando a Laza coas xornadas "Tempo de Entroido"

20250201 Tempo de Entroido, Laza (1)
Foi a terceira edición dunha actividade que busca afondar nas tradicións entroideiras de Galicia.

O local quedouse pequeno para acoller a todas as persoas que quixeron participar o pasado venres nas xornadas "Tempo de Entroido" celebradas en Laza. Foi a terceira edición dunha actividade que busca afondar na cultura do Entroido achegando as diferentes tradicións que existen en Galicia.

 

Organizada pola Comisión do Entroido de Laza e a asociación cultural "enLAZAdos", este ano puido verse a curtametraxe realizada por Laura Prieto sobre o Entroido de Camba e coñecer o estudo realizado pola arqueóloga Nieves Amado sobre as caretas tradicionais dos peliqueiros ao longo do tempo. 

20250201 Tempo de Entroido, Laza (3)
O coloquio "Entroido e Identidade en Perspectiva" contou coa participación dos Entroidos de Vilariño de Conso, Ribeirao, Esgos e Xenerais do Ulla.

Máis aló dos festexos, Gema Moure deu a coñecer a súa proposta para introducir a cultura e as tradicións do Entroido nas aulas de ensino de Educación Primaria. Mentres, no coloquio centrado na identidade do Entroido participaron representantes dos entroidos de Vilariño de Conso, Ribeirao, Esgos e Xenerais do Ulla que deron a coñecer as peculiares celebracións na honra de Don Carnal nas súas zonas.

20250201 Tempo de Entroido, Laza (2)
O baixo da Casa do Concello de Laza quedou pequeno para acoller a todas as persoas que asistiron.

Non faltou o baile, Marta Mosquera ofrecía un obradoiro para aprender o baile do Entroido de Arcos e a xornada remataba cunha foliada no Forno da Picota na que participaron multitude de persoas. O Entroido de Laza deu comezo o pasado venres e queda todo un mes de festexos en cada unha das aldeas de Laza.

A IMAXE DE... | Don Carnal chegando a Laza coas xornadas "Tempo de Entroido"