lunes. 20.07.2026
Participarán os entroidos de Arcos, Vilariño de Conso, o Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), os Felos e Madamas de Esgos e os Xenerais do Ulla

ENTROIDO 2025 | A xornada "Tempo de Entroido" rematará cunha gran foliada no forno da Picota de Laza

Tempo de entroido 2024, entroidos convidados San Adrián de Cobres (Pontevedra), Xinzo de Limia e Eiroás
O pasado ano participaron os entroidos de San Adrián de Cobres (Pontevedra), Xinzo de Limia e Eiroás (Ourense).

Será a terceira edición dunhas xornadas que naceron coa ilusión de ampliar as actividades que se fan no entroido de Laza. "Tempo de Entroido" celebrarase o vindeiro 1 de febreiro como punto de encontro para coñecer os distintos festexos na honra de Don Carnal que existen en Galicia e para poñer en valor a identidade dunha tradición tan nosa. 

As actividades darán comezo a partir das 16:00 horas no baixo da casa consistorial nunha tarde que arrancará coa proxección da curtametraxe "O entroido de Camba". Realizada por Laura Prieto, recolle testemuñas das vivencias entroideiras da veciñanza desta aldea lazá. Pouco despois será a quenda da presentación do estudo "As potencialidades do entroido na educación primaria", o traballo de fin de carreira de Gema Gómez Moure que analiza como introducir o festexo na educación primaria co obxectivo de preservar a cultura e as tradicións galegas.

Baixo o título "As mil caras dos peliqueiros", a arqueóloga Nieves Amado presentará o seu traballo de recompilación sobre as diferentes máscaras dos peliqueiros. Unha oportunidade para achegarse á longa tradición do entroido de Laza e de coñecer como foron evolucionando as máscaras dende o 1900, poñendo o foco no traballo artesanal.

Entroidos convidados 

Como en cada edición, achegaranse ata Laza representantes de distintos entroidos de Galicia para participar no coloquio "Entroido e identidade en perspectiva". Unha charla moderada por Alexandre Sotelino na que se poderá coñecer o significado dos entroidos de Vilariño de Conso, o Ribeirao de Santiago de Arriba (Chantada), os Felos e Madamas de Esgos e os Xenerais do Ulla. Cada un cos seus peculiares traxes tradicionais.

Non serán os únicos, a estes únese o entruido de Arcos (Mazaricos, A Coruña), que será o protagonista do obradoiro de baile que impartirá Marta Mosquera. A parroquia do municipio coruñés de Mazaricos mantén a tradición dun entroido formado por tres grupos de personaxes: o Exército dos Panos, o Coro dos Vellos e o Coro dos Cegos.

2025 tempo de entroido, entroido ribeirao

 

A partir dese momento as xornadas converteránse nun festexo coa música como protagonista. Ao remate do obradoiro de baile, dará comezo a "Ruarada da Aira" coa actuación dos grupos "Requinta de Lampai" e "Boas Herbas" no forno da Picota. Será o punto de partida da gran foliada aberta á participación de quen quera asistir co seu propio instrumento musical.

20250201 III Tempo de entroido, Foliada e ruarada, Laza

ENTROIDO 2025 | A xornada "Tempo de Entroido" rematará cunha gran foliada no forno da...