OBITUARIO | "Un exemplo de honestidade, proximidade e compromiso": a comarca chora a Vicente Gómez | NOTICIAS VERÍN
O falecemento do alcalde de Castrelo do Val, Vicente Gómez García, xerou unha profunda ola de consternación e emotivas homenaxes en toda a comarca de Monterrei e na política provincial. Diversas representantes públicas e colaboradoras estreitas quixeron plasmar de forma literal os seus testemuños para glosar a figura, os valores e o legado dun rexedor que dedicou máis de dúas décadas ao servizo municipal.
Testemuño de Eva Pérez Gamote, exalcaldesa de Vilardevós e deputada provincial polo PSdeG:
"Hoxe non só despedimos a un alcalde. Hoxe perdemos a un compañeiro e, sobre todo, perdemos a un amigo.
Vicente Gómez dedicou 21 anos da súa vida a estar á fronte do Concello de Castrelo do Val. Vinte e un anos de compromiso coa súa xente, coa súa terra e cunha forma de entender a política baseada na proximidade, na humildade e no servizo aos demais.
Foi alcalde ata o final dos seus días, mantendo o seu compromiso coa súa veciñanza mentres libraba, ao mesmo tempo, a súa propia batalla contra a enfermidade. Así era Vicente, humilde, próximo, traballador e sempre preocupado polos seus.
Vilardevós e Castrelo do Val son dous concellos irmandados por algo máis que a proximidade. Son concellos unidos por unha historia compartida, por unha amizade construída ao longo dos anos e, especialmente, por persoas como Raúl, Vicente e Chelis. Tres referentes socialistas que representan uns valores intachables de compromiso, lealdade, humildade e vocación de servizo público.
Persoas que nos ensinaron que a política municipal se fai estando preto da xente, coñecendo os seus problemas e traballando cada día polo lugar ao que pertencemos.
Para min foi unha honra compartir contigo parte deste camiño, Vicente. Compartín momentos, preocupacións, conversas e esa defensa común dos nosos concellos, da nosa comarca e do rural que tanto querías.
Hoxe queda un baleiro difícil de explicar. Porque perdemos un alcalde que foi referente durante máis de dúas décadas, perdemos un gran servidor público e un gran compañeiro socialista, pero os que tivemos a sorte de coñecerte sabemos que, por riba de todo, perdemos a un amigo.
Quédanos o teu exemplo, a túa humanidade e a pegada que deixaches en todos nós e, especialmente, na veciñanza de Castrelo do Val, á que dedicaches tantos anos da túa vida ata o último momento.
Todo o meu cariño para a túa familia, para os teus seres queridos e para toda a túa xente.
Descansa en paz, Vicente, compañeiro e amigo.
Foi unha honra camiñar ao teu lado. O teu exemplo e os teus valores permanecerán sempre con nós."
Testemuño de Eva Barrio, alcaldesa do Concello do Riós:
"Hoxe marchou Vicente.
Hai persoas que pasan pola vida deixando unha fonda pegada nos demais. Para min, Vicente foi unha delas.
Cando cheguei á Alcaldía, foi unha das persoas que máis me axudou. Nunca esquecerei a súa man tendida, os seus consellos e a súa confianza. Sempre lle estarei agradecida.
Era un home elegante nas formas, tranquilo, cunha enorme lucidez para entender a vida e a política municipal. Traballador incansable, loitador ata o último euro para o seu Concello.
Tiña ese humor de pillabán que o facía único, era recto no seu comportamento, afable, cordial e un namorado da súa familia.
Eu queríao. E non teño reparo en dicir que, moitas veces, pensei que me gustaría chegar a ser tan boa alcaldesa como o foi el. Porque Vicente representaba esa forma de facer política desde a cercanía, a honestidade e o compromiso. Foi un exemplo para todos nós.
Á súa familia quero enviarlles toda a miña forza e todo o meu cariño nestes momentos tan duros. Oxalá atopen consolo sabendo que a súa maneira de ser, os seus valores e o seu exemplo seguirán vivos en todas as persoas que tivemos a fortuna de coñecelo.
Adeus, amigo.
Que a terra che sexa leve."
Na mesma liña, se pronunciaba tamén a rexedora do Concello de Oímbra, a popular Ana María Villarino Pardo. A rexedora olimbriguense destacou a súa capacidade para o diálogo, aínda que as conviccións políticas fosen de cor distinta: "Era un home aberto co que sempre atopei puntos de encontro. Compartín con el moitas conversas sobre a maneira de xestionar os servizos públicos e nos que sempre tiñamos un punto de vista moi próximo, que non era outro que o da entrega á cidadanía", sinalaba Villarino Pardo.
Mostras de pesar chegaron tamén dende outros estamentos públicos, como o Concello de Verín, a propia dirección provincial do PSdeG en Ourense, ou mesmo o Partido Popular de Verín. Todos quixeron sumarse á dor da familia polo pasamento dun referente no servizo público máis próximo, finado este xoves 16 de xullo logo dunha longa loita contra a enfermidade.