O plan de prevención de incendios da Xunta a debate: de "fracaso estrutural" a "caos organizativo absoluto"
A Xunta de Galicia anunciou novas medidas en materia de prevención de incendios, unha estratexia que, segundo a plataforma Interior Galego Vivo e o Grupo Socialista, non aborda a raíz dos problemas estruturais que derivaron na peor vaga de lumes da historia. Ambos os dous colectivos denuncian que o Goberno galego insiste en solucións que non teñen resultados tanxibles, amosando un "fracaso estrutural" e un "caos organizativo absoluto" o vivido no pasado mes de agosto.
Interior Galego Vivo (IGV) defende que o Goberno galego presenta como novidade aquilo que leva décadas sufragando sen resultados. Segundo as análises de IGV, cada ano se destinan arredor de 38 millóns de euros a través de convenios con concellos para a contratación de brigadas e outros gastos asociados. Porén, o problema de fondo segue sen abordarse: numerosos municipios carecen dun instrumento operativo para a xestión das faixas de protección.
A plataforma denuncia que numerosos concellos carecen de convenio con SEAGA, que as faixas de protección non son axeitadas en moitos casos e que os plans municipais son simples "corta e pega" sen aplicación real. "As faixas non poden ser iguais en todos os sitios", explica Tamara Balboa de Vilardevós-IGV, "se os lumes saltan autovías, na nosa zona unha faixa de 50 metros non fai nada". Amais, non se incoan expedientes nin sancións cando os propietarios incumpren a lei.
Para IGV, a Xunta centra a súa estratexia no gasto, non nos resultados. A plataforma insta á Xunta a revisar a eficacia das brigadas e implantar un sistema áxil de control e sancións. “Non se trata de gastar máis, senón de xestionar mellor. O que Galicia necesita non é outro anuncio, senón un cambio de rumbo valente e eficaz”, declara Rubén Fernández de Xuntos por Chandrexa, integrante de Interior Galego Vivo.
O PSdeG pide a dimisión da conselleira por “incompetencia e improvisación”
Pola súa banda, a portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta, esixiulle a María José Gómez que asuma as súas responsabilidades no "caos organizativo absoluto" que, segundo a súa análise, derivou na vaga de lumes. A socialista reclamou a dimisión da máxima responsable de Medio Rural por "incompetencia e improvisación" na xestión dos lumes forestais, acusándoa dunha "total falta de planificación na prevención".
Dacosta denunciou que a non execución orzamentaria por parte do Goberno galego deixou sen atender os traballos preventivos ata o verán e acusou á conselleira de permitir un dispositivo en precario. Neste sentido, lembrou que houbo centos de vacantes de brigadas sen cubrir, brigadas só con tres integrantes cando debían ter sete, vehículos motobomba parados por falta de condutores e brigadistas lanzados á fronte das lapas con apenas horas de formación. A pesar de que o 12 de agosto a Xunta aseguraba que o servizo estaba cuberto, tres días máis tarde, o 15, facía un chamamento urxente para cubrir 200 prazas. Unha situación que o propio presidente da Xunta tivo que recoñecer.
Carmen R. Dacosta urxiu ao goberno galego a levar adiante unha "reconstrución real" das zonas afectadas dende o punto de vista ambiental, económico e social. A socialista cualificou de "incomprensible" que o PP rexeitara a súa proposición non de Lei para un servizo de prevención e extinción único, profesional e estable: "Sen prevención non hai futuro, sen planificación non hai eficacia, sen ordenación non hai territorio vivo e sen un corpo profesional, público e único non hai seguridade", resumiu.