O delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo, desprazouse esta mañá aos núcleos de Pradocabalos, A Bouza e Pixeiros, no concello de Viana do Bolo, acompañado do alcalde, Germán García-Ávila; do deputado provincial de Medio Ambiente e Enerxía, José María Lago; e de técnicos da AXi, para supervisar o avance das obras de desentullo que se desenvolven en coordinación coa Deputación Provincial de Ourense.
Durante a visita, o delegado territorial comprobou o estado avanzado dos traballos, destinados a recuperar os servizos e as infraestruturas danadas polas riadas e a avanzar na limpeza e restauración das zonas afectadas.
A actuación, impulsada pola Xunta de Galicia e a Deputación Provincial de Ourense, inclúe a retirada dos residuos e materiais arrastrados polas inundacións mediante unha empresa especializada, co obxectivo de favorecer o regreso á normalidade no municipio.
No que respecta ás infraestruturas viarias, Manuel Pardo destacou a intervención realizada na estrada OU-533, entre A Gudiña e A Rúa, ao seu paso por Pradocabalos, onde as fortes choivas provocaron importantes danos nun treito duns 200 metros.
Segundo explicou, en apenas 24 horas quedou restablecida a circulación nos dous sentidos, mentres continúan os traballos para retirar, con maquinaria pesada, os materiais acumulados no pontón situado na zona afectada.
O delegado territorial sinalou que, de manterse o ritmo actual das actuacións, os traballos en Pradocabalos poderían quedar rematados a mediados do mes de xullo. Ademais, asegurou que o Goberno galego mantén a súa disposición para recuperar a normalidade "o antes posible" e indicou que "non se van escatimar nin esforzos nin recursos" para conseguilo.
Durante a visita tamén lembrou a resposta activada pola Xunta desde o primeiro momento, tras decretarse a alerta laranxa a partir da información facilitada pola Aemet e MeteoGalicia, coa comunicación da situación aos concellos, deputacións e aos servizos do sistema integrado de protección civil e emerxencias de Galicia.
Segundo lembrou, as riadas provocaron inundacións, arrastres de terra, pedras e troncos, danos en vehículos, muros, alpendres e explotacións, cortes de estradas e accesos, ademais de afeccións ás redes de abastecemento e subministración eléctrica.
O balance da emerxencia recolle que o 112 Galicia recibiu preto de 2.400 chamadas, o que supuxo a mobilización de 80 recursos, entre agrupacións de Protección Civil, GES, servizos de prevención e extinción de incendios e persoal das administracións autonómica e locais. As intervencións centráronse na protección das persoas, o achique de vivendas e locais, a retirada de árbores e materiais, a limpeza da lama, a apertura de accesos alternativos e o apoio aos concellos con maquinaria pesada.
FOTOS: Noelia Caseiro.
