domingo. 19.07.2026

Vilardevós

Eva Gamote pide ao PP de Vilardevós que se retracte das acusacións contra ela

O último pleno municipal en Vilardevós estivo cargado de tensión, coa alcaldesa tendendo a man ao Partido Popular (PP) para que rectifique o que considera "graves acusacións" vertidas contra a súa persoa nun escrito de alegación presentado polos populares. Este documento enmárcase no proceso de elaboración da crucial Relación de Postos de Traballo (RPT) do Concello, aínda en fase de desenvolvemento. Sen embargo, o Partido Popular negouse rotundamente a retractarse.


A alcaldesa rexeitou enerxicamente o escrito do PP, sinalando que, en lugar de centrarse nas prazas ou no procedemento da RPT, o documento "ataca directamente a profesión e a honra dunha traballadora pública", referíndose a si mesma na súa excedencia como educadora familiar. A rexedora cualifica o ataque de "persoal, carente de rigor, cheo de contradicións e sen base legal".


Dende o Partido Popular, a súa portavoz Adriana Álvarez declarou que "non vamos a mover ningún punto e ningunha coma do escrito”,  explicando polo que non teñen intención de retractarse.


Comparando a situación con episodios de hai once anos, a alcaldesa Eva Pérez denunciou que o PP está a repetir a estratexia de "centrar o ataque na persoa e non no proceso", e que recorren novamente á "invención de bulos persoais e á difamación" en lugar de presentar alegacións técnicas e fundamentadas. "Como politicamente non teñen marxe de ataque, difaman", afirmou a alcaldesa. A pesar dos ataques, a agrupación de Goberno e a alcaldesa aseguran que seguirán "traballando para mellorar a vida da veciñanza".

 

Pleno de Vilardevós 5 de xuño de 2025.
Pleno de Vilardevós, do pasado xoves 5 de xuño de 2025.



Moción de IGV para protexer funcións de traballadores sociais


Outro punto de relevancia na sesión plenaria foi a moción presentada polo grupo IGV. Esta iniciativa busca evitar que se retiren funcións esenciais ás traballadoras sociais, especificamente no que respecta á elaboración do informe social para a Dependencia. A moción, presentada pola portavoz de IGV e socia de Goberno, Tamara Balboa, subliña “a importancia de manter estas atribucións en mans dos profesionais do ámbito social, garantindo a calidade e a continuidade na atención aos cidadáns”.


Acordos aprobados

  1. Ordenanza dos madeiristas: Aprobouse unha nova ordenanza que regula a actividade forestal no municipio para protexer as vías públicas e garantir unha explotación sostible.
  2. Retirada da Ordenanza da taxa da auga: A ordenanza correspondente á taxa da auga tivo que ser retirada da orde do día debido a un erro de transcrición nas tarifas. A ordenanza será corrixida e presentada no seguinte pleno para a súa aprobación definitiva.
  3. Aprobación da Consulta Pública das Vivendas Públicas Sociais: Presentouse o borrador da ordenanza e ábrese o proceso de participación cidadá para recoller achegas de cara á súa redacción definitiva. Os interesados poden presentar as súas contribucións a través da sede electrónica ou no Rexistro do Concello. O obxectivo é regular de forma xusta e transparente o acceso ás vivendas municipais.
  4. Aprobación da Conta Xeral 2024: Presentouse a situación económico-financeira do Concello correspondente ao exercicio pasado, en cumprimento das obrigas legais de transparencia.
  5. Declaración Institucional pola defensa do tren: Acordouse incorporar unha declaración institucional ante a supresión das frecuencias ferroviarias na estación da Gudiña – Portas de Galicia, instando a todas as administracións, con independencia da súa cor política, a traballar conxuntamente na loita para reverter esta situación e defender os dereitos e o futuro do noso territorio.
Comentarios
Eva Gamote pide ao PP de Vilardevós que se retracte das acusacións contra ela