luns 06/12/21

Verín

VÍDEO | Unha viaxe inaugural do AVE para non perder!

Case catro horas estaban a durar os traxectos dos Alvia entre Madrid e Galicia, con Ourense para ser máis exactos, unha cifra menor que a que marcaban hai poucos anos pero que parece inmensa se a comparamos coas dúas horas e cuarto que hoxe demostrou precisar o AVE para arribar á cidade das Burgas. Non sen antes parar nesta estación de Sanabria a recoller a un bo número de autoridades e representantes dos medios de comunicación. Entre eles, como non, un equipo do Diario do Támega.

 

Na extensa relación de representantes institucionais atopabamos a deputados no Congreso pola provincia e Senadores provinciais e de ámbito autonómico. Tamén ao Alcalde de Ourense, Gonzalo Jácome, e a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez. Acompañados dos presidentes das deputacións provinciais de Ourense e Lugo, Manuel Baltar e José Tomé Roca, respectivamente. A Conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e o Delegado da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, completaban a representación do Goberno autonómico que acompañaba ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, nesta viaxe. Feijóo compartiu asento co seu homólogo da veciña Comunidad Autónoma de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, e a Ministra de Transportes, Movilidad y Agenda Urbana, Raquel Sánchez Jiménez.

Corenta minutos foron os que tiveron para conversar ata chegar á cidade de Ourense, onde estaba programado un acto institucional

 

Os presidentes Feijóo e Mañueco resaltaron a importancia do AVE para a vertebración do territorio. O galego destacou o traballo dos anteriores ministros e ministras do anteriormente chamado Ministerio de Fomento, como Ana Pastor que tamén asistiu ao evento.

O alcalde da cidade, Gonzalo Pérez Jácome falou da importancia desta nova infraestrutura como un fito na historia da urbe que goberna.

As novas vías que permitiron ao tren percorrer a distandia a arredor de 300km/h tamén reducirán os tempos dos trens que non alcanzan estas velocidades. Os Alvia, a principal opción de transporte de longa distancia co centro peninsular ata o de agora, tamén verán reducidos os traxectos. Son estes trens aos que poderemos acceder dende a nosa estación máis próxima: A Gudiña - Porta de Galicia. Xa que o traxecto AVE é Madrid-Zamora-Ourense, sen parada en estacións intermedias.

comentarios
VÍDEO | Unha viaxe inaugural do AVE para non perder!