Este venres 10 de marzo, tiña lugar un encontro de alcaldes de Vilas Termais de toda España nunha visita ós balnearios de Cabreiroá e Caldeliñas da nosa comarca, con motivo da celebración da Asemblea de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais que celebra o seu XVI Encontro Nacional no municipio de Arnoia.
Así, o alcalde do Concello de Verín, Gerardo Seoane, deu a coñecer o patrimonio da vila do Támega e as súas augas mineiro-medicinais. O itineario comezaba cunha visita ó recinto do Balneario de Cabreiroá, seguindo por un percorrido polo antigo Balneario de Caldeliñas (onde o rexedor verinés fixo unha breve explicación do pasado histórico do lugar e o seu importante proxecto de futuro) e rematando na adega Terra do Gargalo (creada polo deseñador verinés Roberto Verino).
Segundo explicou Seoane, o proxecto de rehabilitación do balneario histórico de Caldeliñas, consistirá na adecuación e reforma das súas instalacións para viabilizar a súa apertura ao público de maneira permanente. «O que queremos e conseguir, ao igual que en Fontenova, un aproveitamento real das nosas augas minero-medicinais, recurso tan extraordinario como desaproveitado nas últimas décadas».
O presidente de Vilas Termais e alcalde de Cuntis, Manuel Campos Velay, e o alcalde de Arnoia, Rodrigo Aparicio, elixiron Verín como referente do augüismo en Galicia para formar parte do seu programa de visitas na provincia.