Venres. 29.03.2024

Verín

VÍDEO | Nova Era ponlle música ao aniversario de Raiola

Hoxe, 8 de abril, un grupo reducido de catro integrantes da Banda de Gaitas Nova Era achegábase ata Raiola, o centro de dia de Verín, para levar a música aos seus usuarios e usuarias.

A agrupación verinense optou por facer coincidir a súa visita coa data na que o centro cumpría dous anos de apertura ao público. Co fin de garantir ao máximo as medidas sanitarias, os músicos fixeron soar os seus instrumentos dende a rúa para que o son das gaitas e da percusión fixese cantar e bailar aos maiores que se atopaban no interior.

A Banda de Gaitas Nova Era xa visitara durante o mes de xaneiro outros centros da comarca. Sen embargo, as restricións derivadas da situación sanitaria levaron á agrupación a adiar estas visitas musicais pensadas para os máis maiores. Agora retoman a actividade nunha data moi especial, o aniversario do Centro de Día Raiola, e confían en poder facer máis actuacións proximamente. "Cando nos chamaron de Raiola para continuar coa actividade que propuxeramos no Nadal, non o dubidamos. Achegarnos ata os centros botar unhas pezas é a nosa maneira de contribuír a mellorar a situación que estamos vivindo. A xente precisa divertirse e desconectar. Debemos avogar pola cultura segura, fainos moita falla”, declaran dende a agrupación A Banda de Gaitas.

Nova Era é o eixe fundamental da Asociación Cultural de Música Tradicional de Monterrei. Foi creada a finais do ano 2014 por un grupo de músicos que apostaron por un proxecto a nivel local para o fomento e divulgación da música galega. No 2019 publicábase o seu primeiro disco, “Rumbo NE”. Agora veñen de publicar o segundo traballo discográfico, un novo EP chamado ‘Outros Compases: Cara A’. Con el pretende dar o seu particular toque musical ao que foi un ano marcado polas restricións e a escaseza de directos. Para o 2021, a Banda de Gaitas Nova Era continuará apostando pola creatividade e a cultura segura no que será, esperan, un gran ano para a música.

Comentarios
VÍDEO | Nova Era ponlle música ao aniversario de Raiola