domingo. 19.07.2026

Verín

NOTICIAS VERÍN | O BNG reclama á Xunta que implante a oferta de portugués na Escola Oficial de Idiomas

O deputado do BNG, Secundino Fernández, vén de reclamarlle á Xunta que no curso 2025-2026 se implante a ensinanza de portugués na Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Verín, atendendo á demanda social, ao contexto territorial e ao mandato legal da Lei Paz-Andrade, aprobada por unanimidade no Parlamento en 2014  para —entre outros obxectivos— o fomento da lingua portuguesa no sistema educativo galego.

 

Fernández non entende que unha comarca con forte vinculación con Portugal e demanda acreditada siga sen acceso a este ensino oficial. Lembrou que "a Eurocidade Chaves-Verín é o exemplo máis claro dese vínculo e do papel que pode xogar o idioma portugués como ferramenta de conexión e oportunidade", e que non é comprensible que a única Escola Oficial de Idiomas desta área non teña aínda o portugués entre a súa oferta, ao contrario do que acontece noutras zonas fronteirizas como Tui.

 

Tal e como recordou, en maio de 2023, o BNG presentou unha proposición no Parlamento para que a Xunta facilitase a implantación de portugués na EOI de Verín. A proposta foi rexeitada polo PP alegando unha suposta "falta de demanda". Porén, esa escusa queda desmontada pola convocatoria a finais do ano pasado do curso de iniciación ao portugués dentro do proxecto Eurocidade 2030 promovido polo propio Goberno galego desde a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, que esgotou as súas 100 prazas antes de que rematase o prazo de inscrición, malia estar restrinxido só a mozos e mozas de entre 18 e 30 anos.

 

"Se o propio Goberno galego recoñece o valor da Lei Paz-Andrade e promove cursos para a mocidade nesta área, por que non se abre a oferta a toda a cidadanía desde a rede pública de ensinanza oficial?", pregúntase o deputado nacionalista. A EOI de Verín atende as comarcas de Verín, Viana e A Limia, que abranguen unha poboación de máis de 50.500 persoas cunha marcada relación histórica, social, económica e cultural co veciño Portugal. Segundo Fernández, o feito de que as mulleres e homes destas comarcas poidan estudar o portugués na escola Oficial de Idiomas de Verín facilitaría as relacións a través dunha mellora da competencia lingüística e cultural dos veciños e veciñas de Verín e da súa comarca. 

Comentarios
NOTICIAS VERÍN | O BNG reclama á Xunta que implante a oferta de portugués na Escola...