sábado. 20.04.2024

Verín

Noa Presas a Comesaña: "Negando os recortes insulta ás 3.500 persoas que asinaron a reclamación pedindo máis pediatras"

A deputada do BNG, Noa Presas formulou unha pregunta ao Goberno ante a falta de pediatras en Verín e a súa comarca. A nacionalista explicou que hai un ano foi suprimida "unha praza" de pediatría no centro de Saúde de Verín reducindo de "tres prazas a dúas" das que outra quedou sen cubrir por unha excedencia.

Curiosamente, este luns, indicou Noa Presas, ante as protestas e a convocatoria da manifestación para o vindeiro sábado, día 11 de febreiro, o Sergas decidiu cubrir unha praza  cun  pediatra máis, un pediatra xubilado e que esgotará os meses que lle quedan ata o 72 anos, servindo ao sistema sanitario público.

Presas agradeceu publicamente a vocación de servizo público do novo pediatra pero considerou que a medida de sanidade "non é a solución" e o PP aínda ten outra praza por cubrir. Ademais, explicou, "nuns meses o doutor Losada cumprirá 72 anos e o PP volverá a encontrarse con dúas prazas sen cubrir".

A nacionalista lembrou que na actualidade 4.000 nenos e nenas non teñen garantido o servizo de pediatría, deben agardar semanas para a súa atención, as revisións están paralizadas dende hai tres meses e pais e nais deben acudir ao Hospital Comarcal xa "saturado dabondo".

Ante esta situación, que a deputada cualificou de "límite", a poboación recolleu máis de 3.000 sinaturas e transmitiu a súa preocupación á Xunta, sen que polo momento recibira resposta algunha ao que sumou que o vindeiro sábado, volverá a reclamar unha solución na manifestación á que asistirán os veciños e veciñas do Val de Monterrei que "son un orgullo na defensa da sanidade pública", enfatizou a nacionalista.

Pola súa parte, o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña respondeu á deputada do BNG que a consellería sigue traballando para atopar pediatras pero o servizo está cuberto. A nacionalista replicou que "deixe de mentir porque non lle minte ao BNG míntelle a cidadanía de Verín e a súa comarca”.   

A deputada foi moi crítica e pediu "humildade e vergonza" ao conselleiro por afirmar no Parlamento galego que os recortes en sanidade son "unha invención". A nós, dixo, non nos insulta coas súas palabras, está "insultando a todas esas persoas que asinaron unha reclamación" dirixida a súa consellería para solucionar o problema.

Noa Presas lembrou a grande loita cidadá contra a decisión do PP para pechar o a sala de partos do hospital de Verín e que finalmente, despois dunha grande mobilización social, tivo que rectificar e crear as condicións para atraer aos profesionais. Agora, sinalou, "aqueles nenos e nenas que vostedes non querían que naceran en Verín, atópanse cun servizo insuficiente de pediatría".

 

 

Comentarios
Noa Presas a Comesaña: "Negando os recortes insulta ás 3.500 persoas que asinaron a...