jueves. 25.04.2024

OPINIÓN | O "Saint-Michel" do conselleiro

Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura, este sábado no castelo. | FOTO: M. Ceballos.
Román Rodríguez, o conselleiro de Cultura, este sábado no castelo. | FOTO: M. Ceballos.

Resístome a pensar que cando os responsables políticos preparan o seu discurso non teñan un minutiño, tan sequera, para botarlle un ollo ao que van a dicir por se o eixo da súa perorata pode ser facilmente discutible ou, o que sería moi peor, pode provocar algunha risada.

Este sábado, escoitando ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, na presentación do proxecto de recuperación do camiño real, comparar ao o castelo de Monterrei e o seu entorno co Mont Saint-Michel normando, case caio de costas no formigón armado co que se recubriu o patio de armas da fortaleza. 

Ao conselleiro poda que lle pase coma min, que aínda non tivo a oportunidade de estar nese enclave francés de extraordinaria riqueza arquitectónica. Pero, de ser así, ben podería cando menos documentarse minimamente para non facer comparativas que resultan case ofensivas. Sobre todo porque foi a súa Administración, ou a da súa cor, a que máis tempo tivo nas últimas décadas para convertir a Monterrei nese referente do que falaba o rexedor do Concello no discurso que anticipaba ao do máximo responsable do departamento de Cultura de Feijóo. 

Pola contra, o castelo de Monterrei e o seu entorno foron sempre os grandes esquecidos do Goberno galego e, tamén, dos locais, por moita aposta que se quixo vender no momento coa rehabilitación coma parador ideada polo binomio pensante Jiménez-Pardo. Bótase de menos, de sempre, a execución -que non o deseño- dun ambicioso, currado e realizable plan especial para ese entorno que atalle o deterioro e poña en valor todo o conxunto da fortaleza, comezando polos accesos da OU-115, na que a duras penas entran nos dous sentidos un par de Pandas, ata a última das construcións que ten o castelo ao seu carón. Onde se pode tomar un café antes ou despois do paseo polos accesos cando os paradores pechan? Onde facerse con algún presente da comarca? Onde se pode sentar un a xantar ou a tapear logo de dez minutos de subida dende a porta norte?

Ninguén dubida de que unha recuperación integral -aínda que é de merecido recoñecemento ver como o Concello de Monterrei timidamente apunta nesa liña coa potenciación da oficina de turismo e a reforma dun par de estruturas moi preto dela- atraería visitantes con cartos e desexosos de experimentar outras experiencias máis alá das que proporcionan as vistas que ofrecen a construción histórica e o val. Non serían os tres millóns de turistas que recibe Saint-Michel ao ano, pero de seguro sería moitos máis dos que se rexistran actualmente.

Se é que o señor conselleiro, pola contra, colocou a imaxe de Saint-Michel no maxín dos presentes coma obxectivo para replicar en Monterrei vía esforzo inversor coordinado entre todas as administracións competentes e interesadas, benvida sexa entón a -inicialmente- sorprendente comparanza. 


 

OPINIÓN | O "Saint-Michel" do conselleiro
Comentarios