jueves. 25.04.2024

OPINIÓN | Menos ladrillo e máis persoal

Así serán os accesos ás novas Urxencias do hospital.
Así serán os accesos ás novas Urxencias do hospital.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, vén de anunciar, por segunda vez en pouco máis dun ano -na primeira ocasión foi o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña o que se achegou até o hospital de Verín no mes de abril do ano 21 para falar do proxecto-, a construción do novo módulo de urxencias do hospital de Verín

Descoñezo por que en pouco máis de nove meses o custe do mesmo se cifra xa en catro millóns, e non nos 2,4 anunciados inicialmente. De seguro que o aumento dos prezos dos materiais, unha das consecuencias desta pandemia, pode estar algo detrás desa importante desviación. 

Ninguén pode deixar de celebrar un investimento, e máis se este ten coma contrapartida unha mellora das instalacións, neste caso, dos servizos sanitarios

Ninguén dubida tampouco que ao arquitecto responsable da actual rampla de acceso ás urxencias do complexo había que suspendelo de emprego e soldo un par de meses como merecido castigo por tan inexplicable estrutura, que obriga a calquer técnico de emerxencias sanitarias ao mando dunha ambulancia reducir á primeira velocidade se non quere deixar o cárter e a tapa do mesmo nas primeras lousas. 

É por iso que non festexar o anuncio, dobremente explicado en nove meses, sería cando menos ilóxico e hipócrita. 

Pero, con independencia de todo o anterior, ademais de ladrillo e paneis solares, o hospital de Verín precisa dun verdadeiro compromiso dos xestores da sanidade pública galega co seu persoal e ca carteleira de servizos do mesmo. O conselleiro García Comensaña achegouse a pasada semana a presentar publicamente a nova unidade móbil de Resonancia Magnética. Falaba diante do atril de achegar os servizos á cidadanía e non obrigar ao paciente a "desprazamentos que se poden evitar". Pobre, seguro que cando estaba a dar o seu argumentario esquecía que a comarca leva dous anos sen dermatólogo ou que os facultativos de Medicina Interna son escasos en número para cubrir as gardas mensuais, chegando algúns a verse duplicando o número delas. 
 

Aqueles enfermos terminais, polos que xa non se pode facer nada por alongarlles a vida, tamén desexarían falecer no seu domicilio, cos seus, no seu entorno e na súa cama. Algo só posible se o servizo de Hospitalización A DOmicilio (HADO) non se reducise a dous vehículos estacionados debaixo da rampla de urxencias ideada polo xenio anteriormente mencionado



O pasado xoves, quen suscribe, por isto de coidarse e coidar dos seus, "tripitía" test de antíxenos no hospital. Consultada unha das enfermeiras de se o cribado se mantería tamén na semana do 17 de xaneiro, aseguraba que si, pero que non podía confirmalo porque ela só tiña contrato ata esta fin de semana que vén de rematar

Son só catro exemplos, sen profundizar en exceso, das políticas de persoal e as consecuencias nefastas que pode ter na estima e na saúde dos profesionais: un sanitario esgotado, dobrando gardas e sen descansar o preciso, de seguro que é un sanitario que corre un risco maior de non dar co diagnóstico axeitado do seu paciente. Un profesional da sanidade debidamente retribuído e cun posto de traballo de calidade e indefinido no tempo, de seguro que tamén terá unha motivación extra para coidar de todos nós. 

É por iso que se é imprescindible mellorar e ampliar as infraestruturas segundo as necesidades e o paso do tempo demandan, moito máis importante e preciso é, dunha vez por todas, comprometerse dende a xestión sanitaria con seriedade -e cartos- con todos aqueles que fan posible que, malia os xestores, a sanidade galega siga sendo envexa de moitos. 

OPINIÓN | Menos ladrillo e máis persoal
Comentarios