Venres. 29.03.2024

OPINIÓN | De certo que os técnicos pensan neles?

Escoitando aos familiares dos usuarios do centro de día de Verín custa moito entender como se pode defender con criterios técnicos que instalacións como a verinense permanezan aínda pechadas. 
angelica
María de los Ángeles Manso (esquerda) non foi quen hoxe de contar as bágoas no centro de día de Verín. | FOTO:Noelia Caseiro.

Levo todo o día cunha banda sonora de fondo. "Morning has broken", a mañá está rachando. É un vello hino relixioso optimista que un londinense que acabou por convertirse ao Islam popularizou. A composición rezuma vida, esperanza, ganas. É sinxela a combinación musical, un par de xiros fáciles e outras tantas tonalidades en tono maior. Saín da casa con ela en bucle. Froito dunha lembranza, sen dúbida. Cheguei a Raiola, o centro de día de Verín, para facerme eco das súas demandas. E, velaí que tanto tono en Do maior veu a convertirse nun Mi bemol menor logo de escoitar a muller dun dos seus usuarios.

Estamos acostumados a que nos edulcoren a realidade. Ou, pola contra, nola tiznen do gris máis escuro. Pero moito poucas veces un informador queda sen recursos para contar o que escoita da voz entrecortada e sincera da muller dun home que non é capaz de moverse. 

O centro de día de Verín está pechado. O presidente da Xunta así o decidiu. Estou convencido de que o fixo descoñecendo a verdadeira realidade das familias desa e de moitas outras institucións similares á do Concello local. Quero pensalo, porque o meu intelecto, a toda máquina, non é quen de entender como pode haber alguén que tome unha decisión baseándose en informes técnicos cando a experiencia e a verdade das familias é outra ben distinta.

Para que queremos un comité de sabios cando as súas decisións contradín a unha muller dun home nunha cadeira de rodas vítima dun ictus no seu grao máis superlativo que racha a chorar cando relata que o seu compañeiro de vida xa non come, nin ri dende que deixou de vir ao centro de día?

De que vale ese conxunto de expertos que deciden en contra dunha realidade, coma a que reflectía a filla doutro dos usuarios do centro de día verinense? "Meu pai chegou aquí case sen moverse, e cando tivo que recluirse de novo na casa andaba ata co sacho".

Sabe esa caterva de eruditos que os mesmos anciáns que gardan orgullosos os cadros que elaboraron na institución por excelencia para os maiores do Concello de Verín xa non comen, nin queren medicarse e pasan o día chorando porque, sinxelamente, botan de menos a comunidade que viñan de crear nos últimos 13 meses de existencia de Raiola?

Un compañeiro fotógrafo, cunha imaxe, díxoo todo. Nela amosa a deseperación dunha muller que se debate entre manter o seu negocio como autónoma ou pechalo para ter que atender ao seu home, que antes desfrutaba dos servizos dos profesionais do centro de día de Verín. Esta mañá, relatando o que veñen sendo os últimos tres meses das vidas de "nós os dous, porque non temos a ninguén máis", non puido conterse. 

Non hai informe técnico posible que acredite e certifique o contrario dunhas bágoas, das bágoas de Angélica, desa muller que pecha o seu estudo de fotografía ás 11:30 horas da mañá porque é a hora na que esperta o home que antes atendían no centro de día. E se é que o hai, abofé que quen o asina esta máis lonxe da realidade do que todos nós, e eles, nos merecemos e merecen. 

OPINIÓN | De certo que os técnicos pensan neles?
Comentarios