jueves. 25.04.2024

OPINIÓN | Así é a Galicia profunda (e máis próxima) que ve a xuíza marbellí

O "serrador" da Vilavella, xa falecido, na súa Galicia profunda.
O "serrador" da Vilavella, xa falecido, na súa Galicia profunda.

Dábanme ganas de escribir en lingua castelá por se é que a xuíza malacitana que todos mentamos nestas últimas horas chegase a ler Diario do Támega. Pero, sería lixeiramente incoherente falar da Galicia profunda tan aludida sen facelo no mellor galego posible. 

Antes de que calquera militante urbanita da esquerda me veña a dar leccións do que é a Galicia profunda -os urbanitas da dereita non deberían xa nin atreverse-, direi que cando nacín na casa non tiña ducha -si televisor- e non lembro ben onde cagaba. Tamén direi que sei o que é ir ao estrume, sacar esterco dos porcos e das vacas da corte, meter e pisar os toxos e logo a palla para que eles non se picasen -tiña furadas as catiúscas e levaba cada aguilloazo de medo!-, queimar as costas logo do 21 de xuño segando prados, apañar alpacas e lanzalas dende o remolque a un primeiro dunha casa vella ou botar o día enteiro cun bocadillo e comendo tomates do eido cas vacas. 

Pois ben, xa contextualizados un chisco vexo con verdadeiro estupor a infinita cantidade de mensaxes de "Eu son da Galicia profunda" como lema de orgullo patrio que xa algunha formación política tenta facer seu. Eu, pola contra, quero dicir e berrar que "eu non quero ser da Galicia profunda -que ve a xuíza-", porque ese e non outro é o verdadeiro debate e a loita que realmente se debería estar abandeirando. Onde a maioría se sinte ofendido, eu véxome decepcionado de que en Marbella aínda nos vexan así. 

A Galicia profunda que ve a xuíza é a que queda sen cobertura de móbil no Seixo, na Veiga do Seixo -A Gudiña e Riós, respectivamente- ou en Terroso -Vilardevós- e na que as compañías de telefonía pasan de investir e ningún goberno é quen de apretarlle as carabuñas para que o fagan -cando falo de goberno, falo dos locais, dos autonómicos e dos centrais, sen distinción-

Porque a Galicia profunda da que fala a xuíza, a que temos máis arredor é máis ou menos así: É na que un coche de liña tarda hora e media entre Ourense e Verín -sae ás 6:30 para chegar ás 8:00- cando hai trinta anos ata o Villalón era moito máis rápido indo só pola vella porque aínda non había autovía. A Galicia profunda que ve a xuíza é na que xa non quedan liñas regulares de autobús e tes que chamar para reservar ou misturarte cos poucos rapaces que van aínda a alguna escola do rural. A Galicia profunda que ve a xuíza é a que queda sen cobertura de móbil no Seixo, na Veiga do Seixo -A Gudiña e Riós, respectivamente- ou en Terroso -Vilardevós- e na que as compañías de telefonía pasan de investir e ningún goberno é quen de apretarlle as carabuñas para que o fagan -cando falo de goberno, falo dos locais, dos autonómicos e dos centrais, sen distinción-. 

A Galicia profunda da que fala a xuíza é a que case perde un paridoiro nunha poboación de 26.000 habitantes, na que non hai dermatólogos ou na que un rapaz que se lesiona nun partido chega a Urxencias do Hospital de Verín, e logo de agardar sufrindo dores, é derivado a Ourense por falta de traumatólogo. 

A Galicia profunda que ve a maxistrada é na que se agardan ata 15 días pola cita do teu médico de cabeceira!, nin che conto se é o dunha especialidade! A Galicia profunda é na que se ofrecen contratos de merda aos médicos/as ou enfermeiras/os da Sanidade ou aos mestres/as da Educación, para que precisamente logo se xustifiquen pechando consultorios ou escolas por falta de profesionais.

A Galicia profunda da señora xuíza é a que inviste en pistas de pádel en Villaza cando a dez kilómetros, en Infesta, un veciño caga de campo na súa horta porque a caída do saneamento no llo permite facer na casa

A Galicia profunda á que se refire a xuíza é na que se expropian e se pagan terreos para facer un polígono que logo bota décadas sen construírse -si, estou falando do de Tamagos- para que sexa o veciño Chaves o que se leve as maiores inversións e industrias -acabaremos todos alá, ata no seu hospital privado-.

A Galicia profunda que reflicte a xuíza nese auto é a que inviste un millón de euros no medio dun monte sen darlle solución de continuidade e perdendo toda oportunidade de legalizar unhas construcións que non se axustaron ao proxecto, enganando ata ao concesionario -caso do parque Feitizeiro de Souteliño, en Laza-. Xa que estamos en territorio lazano, a xuíza ve a Galicia profunda noutra obra que se levanta a carón dunha igrexa a protexer, para que o alcalde de turno poida gardar os seus xoguetes ao quente, "mamotreto" que logo paraliza Patrimonio. 

A Galicia profunda da señora xuíza é a que inviste en pistas de pádel en Villaza cando a dez kilómetros, en Infesta, un veciño caga de campo na súa horta porque a caída do saneamento no llo permite facer na casa. Estou a falar de Monterrei. Ou onde se acaba a auga no verán na Madanela.

A Galicia profunda é aquela onde os alcaldes non poñen severas condicións aos inversores dos parques eólicos para que se conxugue a riqueza paisaxística ca económica. En Laza "calzan" un a carón do Invernadoiro e en Riós un dos xeradores queda a poco máis de 100 metros do Foxo do Lobo. 

A Galicia profunda é a dos netos que mercan en Amazon a mellor prezo todo aquelo que precisan, porque xa non o atopan no comercio local, onde escasean, ademais dos produtos, as políticas económicas e fiscais activas

A Galicia profunda é a dos netos que mercan en Amazon a mellor prezo todo aquelo que precisan, porque xa non o atopan no comercio local, onde escasean, ademais dos produtos, as políticas económicas e fiscais activas, que reduzan custes aos comerciantes do rural por unha razón moi sinxela: non é o mesmo vender xoias en Verín que na Gran Vía viguesa. Alí hai máis xente, máis posibilidades de venta, mellores prezos porque hai máis volume de compra e infinitas opcións de supervivencia empresarial. Onde se vende menos porque hai menos xente, ou sobes o prezo para non perder ou baixas algúns custes para poder competir

Eusebio PradaEusebio Prada, na súa Galicia profunda de Arzádegos. | FOTO: Cedida. 

Podería estar xustificando a desafortunada frase da xuíza ata que a Audiencia de Málaga resolva o recurso que seguro presentarán os avogados vigueses que xa gañaron publicidade e protagonismo coa filtración interesada -pola súa banda- desta sentenza. 

O triste é que a teoría de dilución volveu funcionar. Ese sesgo que observou por primeira vez o psicólogo americano Richard Nisbett, que se resume en sacar á palestra información non esencial para diluir a verdadeiramente importante, está moi presente neste caso, onde importa máis a construción léxica da xuíza que o trasfondo que a todos nós nos debería de estar preocupando e encendendo arestora. Eu nacín na Galicia profunda pero non quero a Galicia profunda descrita -e que a xuíza ve nese auto- para os meus fillos.

 

OPINIÓN | Así é a Galicia profunda (e máis próxima) que ve a xuíza marbellí
Comentarios