sábado. 27.04.2024

OPINIÓN ELECCIÓNS18F | Galicia pode ser adulta

A campaña vén de rematar o pasado 15 de outubro, tras case mes e medio de vendima.
Galicia vota o vindeiro 18 de febreiro para decidir o seu futuro.

Preguntábase Charles de Gaulle sobre a súa capacidade para gobernar unha nación. Como pode gobernar alguén unha nación que ten 246 tipos diferentes de queixos? Abofé que en Galicia este saboroso lácteo, non acada as cifras dos nosos irmáns galos, mais o certo é que en Galicia se non queixos, dos que tampouco andamos mal, debe haber cando menos outras 246 formas diferentes de entendermos o país. O importante, porén, é que a pesares disto todos nos sentimos galegos e temos unha idea de Galicia que defender e expresar no mundo.

Historicamente os galegos nunca tivemos un problema con iso que deron en chamar “a identidade”, sabemos o que somos, e en certa medida tamén temos una ideación máis ou menos clara do que fomos; ou matizando: do que colectivamente imaxinamos que fomos, que para o caso é o que ten efectos culturais no día a día. A cuestión complícase se a calquera dos nosos paisanos lle preguntamos, pola contra, o que queremos ser no futuro; se cadra, todos temos una resposta que dar no terreo da nosa individualidade, da nosa familia, da nosa aldea ou da nosa parroquia.

Os galegos temos una cultura política do “noso”, do que nos cadra preto, do que nos doe, do que vemos

Todos somos quen de saber que para o ano que vén querémonos mudar, queremos mercar un coche híbrido enchufable, voar ata Roma, prestarlle algo de cartos aos fillos ou aos netos, ou facer una boa paparotada para celebrar o aniversario de voda dos avós. Nalgures terán moi claro tamén que para as festas patronais da aldea queren traer ao Combo Dominicano ou a Pili Pampín, artistas ocupadísimos últimamente; outros en cambio quererán arranxar o tellado da igrexa parroquial ou que o concello lles acondicione un local social para os veciños da parroquia; os máis espelidos terán moi claro mesmo que non queren deixar de ter pediatra na comarca ou que non lle pechen o grupo escolar do Concello, se cadra entre eses até atopamos algún alcalde e todo!

A conta é que os galegos temos una cultura política do “noso”, do que nos cadra preto, do que nos doe, do que vemos. Somos combativos, somos críticos, implicados, espertos e solidarios. O problema que temos para responder a pregunta sobor do que queremos ser no futuro, devén de que até o de agora entendemos que Galicia é moi grande, como dicía Vicente Risco, para nos andar a meter neses fregados dos que como tantas veces teredes ouvido “nós non che sabemos nada”.

A Galicia das cidades non é pois substancialmente distinta a Galicia das aldeas

A nosa cultura política, fundamentalmente parroquial, aínda agora nos tempos da nova Galicia “urbanizada”, na que xa están xurdindo apóstolos da Galicia hemipléxica que condenan a metade oriental do país ao ostracismo. Nesas nosas enormísimas cidades de Vigo e A Coruña, a nosa cultura política é fundamentalmente parroquial; coma se non se explicaría a peculiaridade política dos equipos humanos que a gobernan, como entón se explicaría a enxebreza viguesa de Caballero ou o coruñesismo light de Inés Rey, liderados parroquiais da diocese que agora lidera dende Lucus Augusti o Bispo Besteiro. De igual xeito, a parroquialidade da nosa cultura política atinxe a Ourense onde Jácome goberna dende un partido municipalista, exaltando a cultura da verbena que outrora fora provincialmente a cultura do trombón. A Galicia das cidades non é pois substancialmente distinta a Galicia das aldeas. Non é pois o noso xeito de enfrontarnos a Política, máis atrasado que ningún outro carpetovetónico ou europeu e aínda menos, non é o noso pobo menos culto politicamente.

Galicia vota o 18 de febreiro; o que realmente decidimos xuntos é se segue a ser a nena da morriña ou a muller da afouteza

O que temos por diante agora son un par de días nos que Galicia vai a decidir o que quere ser de maior. Se os galegos amencemos á vida política autónoma no 1981 con apouvigado interese polo que acontecía, ou se cadra con escéptica curiosidade, tivemos unha infancia autonómica complicada entre mocións de censura e tripartitos inestábeis. Logo pasamos unha longa adolescencia de 16 anos na que a nosa personalidade se foi afirmando no cultural, pero non, cando menos de todo, no político. Cursamos a nosa carreira de catro anos escasos, logo da dolorosa enfermidade do Prestige, e cando estabamos listos para dar o salto á idade adulta, a nosa Galicia, espelida e moza, aínda inexperta pero afouta, deu cos fociños na realidade na que dan miles de mozos galegos cada ano: o desemprego, a inacción e a falta de política que nos permita ser adultos exercentes.

A Galicia de Feijóo é unha Galicia insuficiente; unha Galicia que está na mellor etapa da súa vida, mais que ten uns titores que lle negan a súa posibilidade de emanciparse e tomar o temón da súa vida

A Galicia de Feijóo, se a quixeramos definir nun só adxectivo é hoxe unha Galicia insuficiente, unha Galicia que está na mellor etapa da súa vida, que o ten todo. Pobo, recursos, cultura, intelixencia e enerxía para ser adulta, mais que ten uns titores que lle negan a súa posibilidade de emanciparse e tomar o temón da súa vida. O 18 de febreiro Galicia non decide entre esquerdas e dereitas, iso sería moi sinxelo se de facto tiveramos dous ou tres ou catro proxectos de país para o futuro, que é tanto como dicir: respostar a pregunta que faciamos antes, ¿que queremos ser no futuro? Con certeza que para poder responder antes debemos de dar un paso decisivo, que é explicarlle a Madrid, onde se decide todo o que nos afecta a día de hoxe, pero tamén a Europa e aos noso irmáns de Portugal, cuxa existencia adulta, non subsidiada a Madrid depende tanto como a nosa de que se prioricen todas as conexións entre o Norte portugués e Galicia, fronte as pretendidas por Ayuso para con Lisboa, temos pois a todos eles que explicarlles que sen marchar a ningures, sen rachar con nada nin con ninguén os galegos queremos ser adultos.

Cómprenos camiñar cara aí, precisamos xerar neste recanto marabilloso da Iberia un recuncho de oportunidades, conectados co mundo, con todo o mundo, produtivos e especializados; precisamos unha economía que aproveite o que temos o transforme e deixe aquí o valor engadido; precisamos que todo isto se faga de maneira vertebrada, mellorando as conexións das nosas cidades e vilas coas contornas comarcais; precisamos atraer poboación cara a Galicia oriental que algúns contemplan como unha sorte de “Salvaxe Oriente Galego” ao que primeiro extinguir demograficamente para logo inzar de parques eólicos promovidos por grandes grupos empresariais con romances perpetuos coas elites madrileñas; precisamos un sistema social que nos permita que o talento galego fique aquí, e que o que marche fóra sexa por que queira e non por que non lle queda outra.

Temos a obriga de facer que comunicacións, políticas públicas, inversión e infraestruturas cheguen a aqueles membros e órganos do país que máis o precisan

Precisamos prestixiar a nosa cultura, que para alén do escepticismo da nosa clase política sucursalista, triunfa entre a xente moza dentro e fóra dos lindeiros de Galicia. Precisamos mudar o chip e deixar de concibir a Galicia como un proxecto de homoxeneidade territorial, social e cultural no cal hai unha contradición insalvábel entre o eixo Atlántico e o resto do país. Ningún país do mundo é social, demográfica, xeográfica e económicamente uniforme, mais si temos a obriga de facer que o sistema arterial e venoso das comunicacións, das políticas públicas, da inversión e das infraestruturas chegue a aqueles membros e órganos do país que máis o precisan.

O que aquí lles propoño é unha idea adulta e integral de Galicia, nun país tan diverso, plural e grande como o noso ensarillado sistema de parroquias, que deixaron en nós unha forma de entender a política. Galicia vota o 18 de febreiro, haberá moitas papeletas, mais o que realmente decidimos xuntos é se segue a ser a nena da morriña, ou a muller da afouteza. Imos a elo.

OPINIÓN ELECCIÓNS18F | Galicia pode ser adulta
Comentarios