OPINIÓN | Un papa misioneiro
O 13 de marzo do 2013, nunha noite de chuvia, eu estaba na praza de San Pedro, en Roma, cando o cardenal Tauran anunciou ao mundo que o cardenal Bergoglio, arxentino, fora escollido como o novo bispo de Roma e, por iso, novo papa da Igrexa católica. Foi unha grande sorpresa para moitos.
Da praza eu fun cara ao módulo que a cadena SER tiña para seguir a elección do novo papa. Alí había algúns dos millleiros de xornalistas do mundo enteiro que estaban seguindo o proceso de elección papal; os da SER, como a maior parte de xornalistas e vaticanistas, estaban confundidos e moi sorprendidos pola novidade de un papa inesperado. Eu lembro que lles dixen: "Un novo aire está a entrar na Igrexa, moitas cousas cambiarán". E así foi.
Despois, tiven a oportunidade de saudalo dúas veces como membro dos Misioneiros Combonianos. Para nós, como misioneiros, foi unha bendición do ceo; el era imaxe viva da Igrexa coa que nós sempre soñamos, unha Igrexa que trata de vivir o Evanxeo de Xesús como palabra e proposta de vida para todos; e, en especial, para os máis marxinados da nosa sociedade, sen fronteiras.
Mais non hai que pensar que o papa Fancisco era débil; era misericordioso, pero forte, como se demostrou na súa enfermidade. Dirixir a Igrexa católica, cos seus 1.400 millóns de membros de culturas moi diversas, non é tarefa sinxela. El levouna adiante con entusiasmo, firmeza e bo humor. Descanse en paz.
Antonio Villarino.