Desde o seu xerme e orixe, a medicina ten como fundamento inherente e esencial coidar a saúde e o benestar das persoas doentes independentemente da súa orixe social ou calquera outra circunstancia. Este principio guiou o labor do "médico-cirurxián" Aurelio Vila Oterino, natural de Laza, o seu pobo, onde exerceu a súa profesión dende os anos vinte ata a súa morte acontecida no 1951. Fíxoo con dedicación e vocación de servizo, como aínda lembran na actualidade veciños e veciñas da localidade.
O seu recordo e o alcance da súa tarefa e da súa figura chega ata os nosos días e permanece no tempo, a pesar dalgún empeño en invisibilizar e desdeñar a traxectoria do seu labor como médico de Laza
Recoñecido por moitos e moitas lazaos e lazás polo compromiso co seu traballo, ao que dedicaba as horas que fixeran falta desprazándose a pé e a cabalo, con sol, choiva ou neve, por Laza e ata as distintas aldeas do municipio para atender as persoas enfermas ou con calquera necesidade de asistencia médica. Profesional implicado e humano, nun tempo no que a xente con poucos recursos tiña máis difícil o acceso á asistencia e aos coidados médicos.
Coméntase a súa preocupación polos máis vulnerables, aos que trataba desinteresadamente e gratuitamente coas súas propias medicinas. Tamén se relata o seu afán por escoitar aos doentes e entender as enfermidades seguindo a súa formación na medicina integrativa. Tiña sempre un lugar retirado, de silencio, no que se recluía para estudar e poder atopar unha solución cando un diagnóstico se lle resistía.
O seu recordo permanece no tempo
Este quefacer do doutor Aurelio Vila Oterino como "médico-cirurxián" de Laza permanece e forma parte da memoria colectiva e viva dos lazaos e das lazás, coa súa pegada, na historia e na vida do municipio, de entrega profesional na procura da curación dos enfermos.
O seu recordo e o alcance da súa tarefa e da súa figura chega ata os nosos días e permanece no tempo, a pesar dalgún empeño en invisibilizar e desdeñar a traxectoria do seu labor como médico de Laza nun intento de borrar non só o seu facer e entrega a un servizo público, senón tamén desprezar parte da historia do pobo, de ocultar vivencias e de silenciar voces de lazaos e de lazás.
Pero a xente de Laza sabe que a súa palabra e as súas testemuñas fan do seu pobo un concello activo e dinámico, que a pesar dos obstáculos non deixa de recuperar, recoñecer e ter en consideración feitos valiosos do pasado como sinal de identidade para avanzar nun presente e cara un futuro de dignidade. Non esquezamos que a historia é nosa e fana os pobos, a memoria da súa xente. Non deixemos que nola rouben nin que nola enmascaren con fogos de artificio.
Luisa, Fefa, Beni e Merche Vila Núñez.

