domingo. 19.07.2026

Evento

IMOS DE ENTROIDO | Viana do Bolo encara o seu primeiro Domingo Gordo como Festa de Interese Turístico Nacional

14/2/26
Viana do Bolo
Imos de Entroido Viana do Bolo

O Concello de Viana do Bolo ten todo listo para afrontar a semana máis intensa do seu calendario festivo. Tras unhas primeiras xornadas marcadas polos Compadres e as Comadres, o Entrudio 2026 entra na súa recta final a partir deste sábado, 14 de febreiro, estreando por todo o alto a súa recente declaración como Festa de Interese Turístico Nacional.

A programación oficial intensifícase esta fin de semana. O sábado 14 as rúas da vila volverán tinguirse de branco coas tradicionais fariñadas, acompañadas polo ritmo dos fulións e as comparsas que quencerán o ambiente para o día máis agardado.

Domingo Gordo e Festa da Androlla

Carteis do Entrudio vianés e da 54º Festa da Androlla.
Carteis do Entrudio vianés e da 54º Festa da Androlla.

O momento cumio chegará o domingo 15 de febreiro, Domingo Gordo. A xornada comezará ás 11:30 horas co espectacular desfile de fulións, boteiros e carrozas, onde a figura máis icónica do Entroido vianés exhibirá os seus saltos e o colorido do seu traxe. Xa pola tarde, ás 15:00 horas, celebrarase a 54ª Festa da Androlla, un evento gastronómico multitudinario que reunirá a veciños e visitantes arredor deste embutido emblemático. A festa continuará coa actuación do Grupo América de Vigo na Praza Maior ás 20:00 horas.

A actividade non cesará o luns 16, dedicado aos máis pequenos co desfile infantil e o posterior Fulión Trapalleiro. O martes de Entroido, día 17, os fulións e boteiros volverán saír ao mediodía, culminando á medianoite coa Queima dos Lardeiros e o concurso de disfraces. Finalmente, o ciclo pecharase o mércores 18 de febreiro, Mércores de Cinsa, co solemne e satírico Enterro da Sardiña e unha sardiñada popular no Cabo da Vila para despedir a festa ata o ano que vén.

PROGRAMACIÓN COMPLETA DO ENTRUDIO 2026:

  • Sábado 31 de xaneiro: Fulión Feminino e charangas.

  • Luns 2 de febreiro: Inauguración da mostra "O noso Entrudio" (19:00h).

  • Xoves 5 de febreiro (Xoves de Compadres): Fariña e fulións (20:00h). Colga do Lardeiro (00:00h). 

  • Sábado 7 de febreiro: Comparsas, fariñada e fulións.

  • Xoves 12 de febreiro (Xoves de Comadres): Desfile infantil do CEIP Bibei e fulión do IES Carlos Casares (11:00h). Fariñada e actuacións de charangas e disco móbil. Colga da Lardeira (00:00h).

  • Sábado 14 de febreiro: Comparsas, fariñada e fulións.

  • Domingo 15 de febreiro (Domingo Gordo): Desfile de fulións, boteiros e carrozas (11:30h). 54ª Festa da Androlla (15:00h). Actuación do Grupo América de Vigo (20:00h).

  • Luns 16 de febreiro: Desfile de fulión infantil (16:30h). Fulión Trapalleiro (20:00h).

  • Martes 17 de febreiro: Saída de fulións e boteiros (12:00h). Queima dos Lardeiros (00:00h) e concurso de disfraces.

  • Mércores 18 de febreiro (Mércores de Cinsa): Enterro da Sardiña (18:00h) e sardiñada (19:00h)

Programacion Entrudio 2026 Viana do Bolo.
Programacion Entrudio 2026 Viana do Bolo.