Evento
AXENDA | Viana do Bolo estrea a "I Travesía a nado no Encoro do Bao"
O vindeiro sábado, 9 de agosto de 2025, o municipio de Viana do Bolo acollerá unha nova cita deportiva coa celebración da I Travesía a nado no Encoro do Bao. Organizada polo Club Náutico Vianés en colaboración co Concello, esta primeira edición comezará ás 11:00 horas e promete unha xornada chea de deporte e emoción.
A travesía contará con dous percorridos diferentes para adaptarse a todos os niveis de nadadores. Os participantes poderán escoller entre unha proba de 500 metros e outra máis esixente de 1.000 metros. A inscrición, que pode realizarse a través do correo electrónico clubnauticovianadobolo@gmail.com, ten un prezo de 3 euros para a primeira distancia e de 6 euros para a segunda.
Ademais da competición, a organización ten previsto agasallar aos primeiros clasificados con premios e, para todos os participantes, haberá pinchos ao remate da proba. Trátase dunha excelente oportunidade para gozar do deporte acuático nunha contorna de montaña privilexiada como é a do Club Náutico Viana do Bolo (Rúa Nicolás Tenorio, 47).
