Evento
AXENDA | "Pakolas" leva a Viana a súa nova aventura: 'Ecoralia, a lambona ecolóxica'
A cativada de Viana do Bolo ten unha cita ineludible coa música e a diversión. Chega ao municipio a proposta musical-narrativa de "Pakolas", un dos artistas máis destacados da escena musical infantil galega, co seu espectáculo "Ecoralia, a lambona ecolóxica". É o cuarto traballo de Pakolas e Laura Romero, que naceu da man do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega).
«Pakolas» é Paco Cerdeira, autor e compositor, músico guitarreiro, e tamén produtor de música pensada para a cativada. En Viana, o seu espectáculo céntrase na historia da meiga Ecoralia, que a través das súas cancións e contos ensinará á cativada a importancia de consumir alimentos ecolóxicos para coidar o medio ambiente, combater o cambio climático e garantir o benestar animal.
Será unha "aventura didáctica e rockeira rebordante de imaxinación e aprendizaxe" que se converte nunha ferramenta educativa para fomentar valores como a sostibilidade e o consumo responsable dun xeito lúdico, facendo que a aprendizaxe sobre alimentación ecolóxica sexa divertida e inspiradora. Terá lugar o martes, 12 de agosto, ás 12:00 horas, na Casa da Cultura.
A actuación, que está enmarcada no programa "Ler Conta Moito" para a dinamización das bibliotecas públicas, conta coa subvención da Xunta de Galicia e coa colaboración do Concello de Viana do Bolo. Unha oportunidade perfecta para que as familias se acheguen a gozar dunha mañá diferente, chea de ritmo e conciencia ecolóxica. O proxecto desta pequena lambona abarca un libro en formato físico, un álbum musical moi rockeiro con seis cancións e unha unidade didáctica que poden ser descargados de xeito libre dende a web do Craega. O formato físico será distribuido polas Bibliotecas de Galicia neste 2025.
