Evento
AXENDA | Fradelo celebra a súa romaría co lema "Non máis lumes"
Cunha clara mensaxe de defensa do monte, a parroquia de Fradelo (Viana do Bolo), acollerá a romaría de San Ciríaco, que este ano se celebrará baixo o lema "Non máis lumes". A festa, organizada polo párroco Antonio e o pobo de Fradelo, busca combinar a tradición, a fe e o encontro baixo o pensamento de que coidar do monte é coidar da vida, en resposta á recente vaga de incendios. Tras os lumes que afectaron a Viana e Vilariño, xurdía a idea de organizar a romaría para crear unidade e recoñecer o labor desinteresado de todas as persoas voluntarias que fixeron fronte ás lapas.
Será o vindeiro domingo, 31 de agosto, na explanada do Alto do Fradelo, xunto á capela de San Ciríaco, o límite xeográfico entre os municipios de Viana do Bolo e Vilariño de Conso, un lugar que se converte en símbolo de unidade.
A xornada dará comezo ás 12:30 horas cunha misa solemne, á que seguirá a bendición de tractores, un xesto que simboliza a unión da comunidade coa terra e o seu traballo. O encontro festivo continuará cun xantar fraternal no que se servirá porco ó espeto e polbo a prezos populares, cun ambiente musical para animar a todas as persoas que asistan.
As entradas para a comida estarán dispoñibles para a venda no propio evento, que conta coa colaboración dos concellos de Vilariño de Conso e Viana do Bolo. A organización convida a todos os veciños e visitantes a participar nesta cita que busca, ademais de gozar en familia, poñer en valor a importancia de protexer os nosos montes.
