Evento
AXENDA | Décima edición de Vibomask, o Festival Internacional Mascarada Ibérica
O Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask celebrará esta fin de semana a súa décima edición coa participación de case medio cento de entroidos, máscaras e traxes tradicionais de Galicia, España e Portugal. Un aniversario cunha ampla programación que se desenvolverá en Viana do Bolo e Vilariño de Conso dende o venres 16 ata o domingo 18 de maio.
Actividades, horarios e desfiles
A primeira xornada, venres 16, arranca con varias citas culturais como o encontro ViBoCultura, unha serie de conferencias sobre temas relacionados coas mascaradas, ou a mostra "10 anos dan para moito: ViBoMask en imaxes". O sábado 17 será o día central en Viana, que desde a mañá abre o ViBoMarket, mercado de produtos típicos e artesanais e a partir das 17:00 horas acollerá o gran desfile de entroidos e máscaras.
O domingo 18 as celebracións trasládanse a Vilariño de Conso, coa apertura do ViBoMarket ás 10 da mañá e a celebración do desfile a partir das 11.30 horas. Pola tarde será a quenda do IV Festival de Música Tradicional e Popular, en conmemoración do Día das Letras Galegas dedicado ás cantareiras.
Cada ano, o Festival Internacional Mascarada Ibérica ViBoMask reúne a centos de persoas dispostas a desfrutar nun mesmo lugar da vistosidade dos traxes e máscaras tradicionais das diversas localidades que participan.
O ano pasado, ata a choiva escampou para permitir lucir os traxes nun desfile que foi apoteósico.


