domingo. 19.07.2026

Evento

IMOS DE ENTROIDO | Quen dixo medo?: O futuro do Entroido desfilará este xoves polas rúas de Verín!

12/2/26
11:45
Verín
Desfile Infantil do pasado ano 2025. | FOTO: Anabel G. Simón.
Desfile Infantil do pasado ano 2025. | FOTO: Anabel G. Simón.

Verín vivirá este xoves, 12 de febreiro, unha das citas máis entrañables do seu Entroido coa celebración do Desfile Infantil, no que participarán todos os centros de ensino da comarca, convertendo as rúas da vila nun auténtico espectáculo de cor, creatividade e alegría.

O desfile dará comezo ás 11:45 horas, partindo do entroncamento da rúa Canella Cega coa rúa Cabreiroá. Dende alí, a comitiva percorrerá as rúas Deputación, Luis Espada e Lisa, para finalizar na praza García Barbón, onde terá lugar o remate da actividade.

A cativada estará acompañada pola música e animación das charangas Los Támega, Mil9, Vakapinta, Noroeste e TDB, que contribuirán a crear un ambiente festivo ao longo de todo o percorrido, facendo do desfile unha experiencia aínda máis dinámica e participativa.

Centos de nenos e nenas, acompañados polo profesorado, tomarán parte nun desfile que destaca pola variedade e orixinalidade dos disfraces, froito do traballo realizado nas aulas e da implicación das comunidades educativas. O Entroido infantil convértese así nun espazo de encontro e convivencia, no que a tradición se vive dende idades temperás.

Este evento forma parte da programación oficial do Entroido de Verín e constitúe un dos momentos máis emotivos destas festas, nas que se aposta pola participación, a transmisión cultural e o protagonismo da infancia. Dende o Concello anímase á veciñanza a achegarse para acompañar aos máis pequenos nesta xornada festiva