Evento
AXENDA | O Polo de Verín reúne a dez proxectos locais nunha xornada sobre emprendemento e igualdade
O Polo de Emprendemento e Apoio ao Emprego de Verín organiza a xornada “Impulso Local: Emprendemento e Igualdade en Rede”, que se celebrará o vindeiro xoves, 14 de maio, na Casa da Cultura de Verín. O evento, que se desenvolverá entre as 10:00 e as 14:00 horas, conta coa colaboración de AEVER, Medrando Xuntas, FEMURO e o CDR Portas Abertas.
Esta iniciativa pretende visibilizar a diversidade do ecosistema emprendedor na comarca, destacando proxectos liderados por mulleres, homes, parellas e persoas emigrantes retornadas.
A actividade estrutúrase nunha primeira mesa de debate con sete casos de éxito locais. Nela participarán Lorena Parada, creadora de Rincón Mágico de Épona; José Luis Mateo, fundador da adega Quinta da Muradella; Cristina López e Guillermo Insua, de UNOUNO_arquitectura de interiores; Jaime Vispo, de Telas Julia; Elena Tourón, de Ugli; Hilda Fernández, da Academia A Tempo; e Jane Liz, impulsora de Coeducontando. Estes profesionais compartirán as súas vivencias sobre a xestión empresarial e a remuda xeracional no rural galego.
A segunda parte da xornada centrarase na intervención de entidades estratéxicas. O programa Medrando Xuntas abordará o liderado feminino na Economía Social, mentres que a Federación Provincial de Mulleres Rurais de Ourense (FEMURO) e o Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas presentarán as súas liñas de traballo en igualdade e asociacionismo.
O encontro finalizará cun espazo de micronetworking para fomentar colaboracións entre os asistentes. As persoas interesadas poden inscribirse a través do seguinte enlace.
