domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Acto de repulsa ante o Xulgado de Verín pola perda de competencias en violencia de xénero

29/10/25
10:00
Xulgado de Verín
196e0ab9-5c8b-49d3-a67d-7c77c37f46e8

A recente Lei Orgánica 1/2025 de Eficiencia do Servizo Público de Xustiza podería supoñer unha importante perda competencial para o Xulgado de Verín en materia de violencia de xénero, ao centralizar funcións actualmente desempeñadas neste partido xudicial.

Profesionais do ámbito xurídico, social e institucional alertan das graves consecuencias que esta medida implicaría para as vítimas, que se verían obrigadas a trasladarse a Ourense para realizar trámites e declaracións que ata o de agora se resolvían en Verín.

Esta reorganización dificultaría o acceso á xustiza das mulleres, reducindo o número de denuncias e afectando negativamente á calidade da atención, á coordinación interinstitucional e ao acompañamento integral das vítimas nun momento de especial vulnerabilidade.

En resposta a esta situación, o Partido Xudicial de Verín convoca un acto público de repulsa, no que se procederá á lectura dun manifesto conxunto. O evento terá lugar este mércores, 29 de outubro, ás 10.00 horas fronte ao Xulgado de Verín.

Ademais, dende o C.I.M. anuncian que continuarán promovendo mobilizacións e accións de sensibilización, especialmente de cara ao 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, co obxectivo de defender a continuidade do servizo e a protección efectiva dos dereitos das mulleres.