domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | Verín en pé de pista contra o cancro no III Torneo Solidario de Pádel

15/5/25 a 18/5/25
Verín Pádel Indoor
20250515 III Torneo solidario pádel Verín contra el cáncer

O complexo Verín Pádel Indoor converterase no epicentro da solidariedade deportiva coa celebración do III Torneo Solidario de Pádel. Unha terceira edición dun evento que se desenvolverá do 15 ao 18 de maio e que ten como obxectivo recadar fondos para a Asociación Española Contra o Cancro de Ourense.

 

A convocatoria superou todas as expectativas, acadando unha participación masiva que demostra o compromiso da comunidade coa loita contra o cancro. Máis de 100 parellas de xogadoras e xogadores de todas as categorías, unidos por unha mesma causa, competirán nas categorías masculinas (M2, M3, M4 e M5) e femininas (F2, F3 e F4). Os organizadores do evento estableceron unha "Fila 0" para todas aquelas persoas que queiran mostrar a súa solidariedade e non poidan participar ou asistir ao torneo; deste xeito, poderán ingresar a súa achega na conta bancaria ES68 2080 0475 5630 4000 0077.

 

 

Horarios

A competición despregarase nunha emocionante fase de grupos que terá lugar as tardes e noites do xoves 15 e venres 16, e durante todo o día do sábado 17. Os oitavos de final disputaranse na noite do sábado, dando paso aos cuartos entre o sábado e o domingo 18. As semifinais e as esperadas finais celebraranse o domingo 18. O sistema de xogo garante emoción en cada punto, con partidos ao mellor de tres sets e a introdución do "punto de ouro" ata semifinais e finais. As parellas campionas e subcampioas serán recoñecidas con trofeos e premios, e cada xogadora e xogador recibirá un Welcome Pack como recordo da súa valiosa participación.

 

O torneo seguirá un horario detallado para garantir o bo desenvolvemento da competición. Durante os días laborables, os partidos comezarán ás 15:00 h e prolongaranse ata a 01:00 h, mentres que na fin de semana a actividade comezará ás 10:00 h e estenderase ata as 03:00 h. A organización apela á puntualidade de todas as parellas, lembrando que a non presentación en pista transcorridos 15 minutos da hora establecida suporá a perda do partido.

 

Esta iniciativa solidaria é posible grazas ao apoio incondicional de empresas locais; Clínica W Jorge Mato, ER-CA S.L., Pizzería Italia, Luan’s Café Burger, Calzados Araujo, Construcciones Ropan S.L. e outros patrocinadores que comparten o compromiso de Verín coas persoas que están a afrontar o cancro. Un evento deportivo que transcende a competición para converterse nun importante xesto de esperanza e apoio.

Comentarios