Evento
AXENDA | Verín acolle a gala de entrega dos premios da campaña "Merca no teu comercio"
Vén de rematar a primeira fase da campaña para promocionar as compras no comercio local da provincia, pero inda queda a entrega dos 11 000 euros en premios que reparte a promoción "Merca no teu Comercio Edición Outono - Provincia de Ourense".
A campaña celebrábase entre o 1 e o 20 de novembro. Logo do sorteo de premios, 50 persoas afortunadas obteñen un bono de 200 euros que deberá empregarse para volver a mercar nos establecementos participantes na campaña ata o 31 de decembro de 2024.
Verín vai ser a localidade onde se celebre a gala de entrega dos premios e a organización anuncia sorpresas. Haberá actuacións en directo e, ademais de entregar os bonos, durante a celebración do evento realizarase un sorteo en directo para regalar un bono extra de 1000 euros entre as persoas que asistan. Quen obteña este premio deberá gastar o total nunha única xornada de compras.
Para acceder á gala será preciso presentar un único tícket de compra nun dos establecementos asociados á campaña. Celebrarase o vindeiro xoves 28 de novembro no auditorio municipal de Verín a partir das 19:30 horas.
