Evento
AXENDA | Verín acolle a xornada "Reverdecer" para abordar o reto da recuperación ambiental tras os incendios
O Centro de Desenvolvemento Rural Portas Abertas organiza o vindeiro 13 de decembro a xornada "Reverdecer: O reto da recuperación ambiental", un evento divulgativo e aberto a toda a cidadanía que terá lugar na Casa da Cultura de Verín. Esta iniciativa nace como resposta á necesidade urxente de analizar e buscar solucións ante a problemática dos incendios forestais, especialmente tras un verán de 2025 no que a provincia de Ourense sufriu a perda de máis de 96.000 hectáreas, o que supuxo un dano irreversible para gran parte da capa orgánica do solo.
A cita, que se desenvolverá en horario de 09:30 a 14:00 horas, ten como obxectivo achegar información rigorosa para a toma de decisións futuras sobre o territorio e a conservación dos bosques. Para iso, configurouse un programa de alto nivel que contará coa participación de Mónica Parrilla e Manoel Santos de Greenpeace, que abrirán a sesión falando sobre cambio climático e lumes; seguidos da intervención de Alberte Blanco sobre política forestal e desenvolvemento rural. A mañá continuará coa Asociación Galega de Custodia do Territorio e a Sociedade Galega de Historia Natural, pechando o ciclo de relatorios a experiencia cooperativa de Verín Biocoop.
De xeito paralelo ás conferencias, a xornada busca involucrar a todos os sectores da poboación cunha programación estendida na Biblioteca Pública de Verín. Alí poderase visitar a exposición fotográfica permanente "Lembranzas da Natureza" e, pensando nos máis novos, impartirase o obradoiro infantil "Pequenos repoboadores", que terá lugar de 12:00 a 13:00 horas, fomentando a conciencia ambiental desde a infancia.
Esta iniciativa conta co apoio da Xunta de Galicia e a colaboración de entidades locais e empresas como o Concello de Verín, Cabreiroá e a adega Crego e Monaguillo, unindo forzas nun chamamento común para reverter os efectos do lume e apostar por un futuro máis verde e sostible para a comarca.
