domingo. 19.07.2026

Evento

AXENDA | A 'Gala da Igualdade' de Verín unirá música, arte e pensamento crítico

23/11/24
19:00
Auditorio de Verín.
20241123 CMUS Verín, gala igualdade santa icía

O Auditorio municipal de Verín acollerá o sábado a que será a quinta edición da Gala da Igualdade. Organizada polo Conservatorio Profesional de Música de Verín, a súa ANPA e o Concello de Verín, o evento busca poñer de relevo a importancia da igualdade de xénero a través da música, a arte e o pensamento crítico.


Este ano, a gala rende homenaxe a Santa Icía, patroa da música e das persoas dedicadas a esta arte. Conducida pola xornalista verinesa Nora Sola, converterase nunha celebración aberta a toda a cidadanía con entrada gratuíta que combinará diferentes actividades culturais.


A música correrá a cargo das actuacións do alumnado do CMUS, do grupo Silveiras do Támega e do Dúo Vintage. Presentarase a obra artística "Son do encanto", de Marilar Salgado, unha creación que mestura arte e compromiso social. E participará Carme Adán, doutora en Filosofía, ensaísta e política galega que desempeñou o cargo de secretaria xeral de Igualdade na Xunta de Galicia durante o bipartito; sempre implicada nos estudos de xénero, presentará o seu libro "Recoñecer, actuar e restaurar. Manual básico para afrontar as violencias machistas", publicado polo Consello da Cultura Galega.


Durante a gala tamén se inaugurará unha aula de homenaxe a unha muller referente da bisbarra; unha iniciativa que busca subliñar a importancia de recoñecer referentes femininos no eido da cultura. Nesta ocasión, estará dedicada a unha muller pioneira no ámbito da música.


V Gala da Igualdade celebrarase o sábado 23 a partir das 19:00 horas no Auditorio municipal de Verín.

Comentarios